Marián Mouriño non contempla vender xogadores importantes, pero "depende do mercado"
A presidenta do Celta admite que necesitan algún traspaso
Confirma que se reforzará a portería e que lles gustaría seguir contando con Borja Iglesias e Ilaix Moriba
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, orgullosa e agradecida pola tempada 2024-2025 do club, no que se logrou a clasificación para a Europa League, abordou aspectos de presente e futuro na súa comparecencia da mañá deste venres na Sede.
Admite que necesitarán "facer unha venda para non presentar perdas tan importantes", pero non teñen a necesidade de que sexa polo famoso importe de ao redor dos 34 millóns. Nese sentido, afirma Mouriño que a intención non pasa por vender a ningún dos xogadores que tiveron un protagonismo relevante no equipo nesta liga, aínda que sen perder de vista que logo será o mercado o que dite como se desenvolven os acontecementos.
"A idea que temos e traballan Marco e Claudio é manter o bloque. Non traballamos en ningunha saída de alguén que fose importante, aínda que logo o mercado móvese moito e non sabes o que pode pasar", sostén.
Confirma Marián Mouriño, como xa fixo Giráldez en repetidas ocasións, que lles gustaría seguir contando con Borja Iglesias e Ilaix Moriba.
"Querémolos. Temos que esperar a súa idea de futuro -no caso do compostelán, expresou ata a saciedade que desexa continuar- a idea dos seus clubs e tratar de chegar a un acordo".
Non marcaron un número de fichaxes, pero repetía nese punto que a intención é "facer os menos cambios posibles, manter o bloque como pide o míster". Si avanza que a portería é "unha das posicións que se van reforzar"
Marián Mouriño sostén que o que debe ilusionar ao celtismo non son as fichaxes que poidan chegar a facer, senón o que tiveron ata o momento.
"Temos que buscar un equipo que nos represente e ilusione".
Mouriño destaca a paz social lograda e amosouse ilusionada co proxecto 360
"Haberá un antes e un despois na nosa historia".
"360 será un dos proxectos máis ambiciosos de Galicia, España e Europa".