Manuel Segade: "O que temos que facer os museos públicos é garantir esa función de acceso"
O novo director do Reina Sofía quere traballar dende a diversidade xunguindo a centralidade e a periferia
"Un museo que teña a escala do monumental pero a comodidade do doméstico, para que calquera parte da cidadanía poida sentirse identificada cos saberes que aquí se amosan"
Un galego, Manuel Segade, é o novo director do Museo Reina Sofía en Madrid, unha das mecas da arte contemporánea mundial. Unha remuda que tardou 15 anos.
Despois dunha semana do seu nomeamento, contou no Bos días as súas primeiras experiencias. Séntese apoiado pola xente que traballa con el e di que está afacéndose a coordinar un grupo humano de 500 persoas.
Segade defende a importancia das periferias para o avance da arte, e dixo que Galicia era un bo exemplo, de como o avance e creación do Románico se xestou en pequenas igrexas ao longo do Camiño de Santiago.
"A periferia e o centro están sempre en tensión e provocan as evolucións culturais máis fortes. E toda a atención ao 'menor' é algo que o museo leva facendo moitas décadas, que que é moi importante a representación de todos eses fenómenos".
A súa intención é amosar o mellor Reina Sofía, seguir coa axenda que ten programada e comezar a traballar en estratexias e alianzas con outras institucións creando unhas redes, que son realmente importante. A súa designación, dixo, foi toda unha sorpresa.
"Foi sorpresa, cando te elixen para algo tan importante, e estamos nun momento moi especial. Houbo anteriores directores do Reina Sofía que tiñan dez anos menos ca min. E as condicións que se precisaban como a ruptura xeneracional, apetura de miras é algo que demostrei na miña traxectoria recente".
Segade afirmou que ao cuarto día que o nomearon comezaron cunha nova programación, e a semana que ven teñen exposición nova. Asegura que o programa de activades está nun momento moi forte, e o outono traerá novas sorpresas.
"O que temos que facer os museos públicos é garantir esa función de acceso e que a xente poida achegarse, ablandando a institucionalidade, que mantén a moita xente fóra do museo".
O novo director quere que o Reina Sofía volva á defición de museo do século XIX, pero dende a perspectiva do século XXI.
"Un museo que teña a escala do monumental pero a comodidade do doméstico, para que calquera parte da cidadanía poida sentirse identificada cos saberes que aquí se amosan".
"Unha das cousas interesantes no presente é que non che ten que gustar todo o que ocurre na arte contemporánea. Ten que haber variedade e plurivocidade para gustos totalmente diversos".