Lucas Pérez, na Radio Galega: "Estou moi ledo polo ascenso, pero decepcionado polo que pasou"
"Tamén tiña contrato no Cádiz", comentou o dianteiro deportivista sobre o seu futuro no Deportivo
A Lucas quédalle un ano máis de contrato co club coruñés, pero ten que "sentar a falar coa directiva"
Lucas Pérez pasou polo programa Ao contraataque, da Radio Galega, e saíu ao paso de todas as informacións que falan dun distanciamento do xogador co club: "Eu non quero marchar, estou moi ledo na Coruña. Pensades que abandono a Primeira División para vir aquí e irme agora mesmo?" asegurou o xogador do Deportivo.
Pero tamén quixo deixar claro que ten que falar co club e puntualizar cousas: "No seu día tamén tiña contrato co Cádiz e xa sabedes o que pasou. Evidentemente teño que falar co club e quero que me escoiten, igual que escoitei eu no seu día". Lucas Pérez remata o seu contrato co cadro deportivista en xuño de 2025.