Jorge Cuesta revitalizou a un Arenteiro que suma a terceira vitoria seguida
Gañoulle por 2-0 (Bastida e Adilson) a un Osasuna B co que pelexa na zona baixa da clasificación
Tardaron en chegar as primeiras ocasións, pero foron para os locais. Jaume Cuéllar probou fortuna desde a frontal, e o remate saíulle moi cruzado aos 19 minutos. Pouco despois, un centro desde a dereita non lle chegou a Safrai, que entraba disposto a empuxala á rede. A primeira do filial chegaba mediada a primeira metade, co xogo directo cara a Lumbreras. A acción parouna Alvin. No minuto 28, o Arenteiro ía aproveitar un saque de banda para adiantarse no marcador. Foi Bastida o que colleu un balón solto e enganchou unha volea que entrou pola escadra. 1-0. E puido matar o encontro pouco despois o Arenteiro, pero o remate de Safrai desde a frontal rexeitouno o traveseiro. No treito final chegou a opción do Osasuna Promesas para empatar. Foi nunha man de David Ferreiro que, tras consulta co FVS, o árbitro asubiou na frontal. O disparo de Arroyo marchou alto.
A segunda metade comezou co Osasuna Promesas máis incisivo, e o filial conseguía o gol cun remate espectacular de Jon García, pero estaba en fóra de xogo. O Arenteiro conseguiu aguantar esa forte saída inicial e acadou o segundo gol mediado o período coa estrea goleadora de Adilson, unha das apostas de Jorge Cuesta desde a súa chegada ao banco. Foi un gol que deu moita tranquilidade. O Osasuna buscouno á desesperada pero o Arenteiro tamén puido marcar o terceiro á contra. O resultado xa non se moveu e o equipo do Carballiño acadou a terceira vitoria seguida.