IU, Sumar, Más Madrid e os Comúns lanzan a súa alianza de esquerdas o 21 de febreiro
Sumar aspira a que Yolanda Díaz volva encabezar a coalición electoral, pero IU avoga por unha renovación de caras
PP e Vox seguen negociando para conformar goberno en Estremadura e Aragón
IU, Sumar, Más Madrid e os Comúns lanzarán a súa alianza de esquerdas para as eleccións xerais nun acto que terá lugar en Madrid o próximo 21 de febreiro.
O obxectivo desa alianza é construír un espazo adecuado e confiable a longo prazo que sirva de punto de encontro entre as esquerdas transformadoras e plurinacionais do Estado e fortalecer a alianza que xa desenvolveron nestes anos de goberno, aprender dos erros e potenciar os acertos.
Trátase, segundo IU, Más Madrid, Comúns e Sumar, de traballar fraternalmente por un novo horizonte común que queren abrir ao conxunto das forzas políticas e sociais e facelo desde a mobilización na rúa para seguir conquistando dereitos.
Verónica Barbero, voceira de Sumar no Congreso, adiantou que a súa formación aspira a que Yolanda Díaz "sexa a cabeza de cartel". Pero Izquierda Unida oponse, pide caras novas. Para Antonio Maíllo, coordinador xeral de IU, "todos somos necesarios, imprescindibles, o que pasa é que ninguén so é suficiente".Téndenlle a man a Podemos, pero os de Ione Belarra desdeñan o convite. A secretaria xeral dos morados desmárcouse da proposta asegurando que non ían entrar "en consideracións sobre cuestións internas de Sumar".
O PP tira de ironía e suxire que o nome da nova confluencia sexa "Superviventes". Díxoo en conferencia de prensa a súa voceira no Congreso, Ester Muñoz, que volve pedirlle responsabilidade a Vox nas negociacións para conformar goberno en Estremadura e Aragón. "Cometeriamos un erro imperdoable se non somos capaces de coller a oportunidade que nos están dando os españois", asegurou.
Os de Santiago Abascal esixen entrar nos gobernos de Guardiola e Azcón pero, apuntan, "iso está en mans do PP".
As críticas de González
O PSOE asegura que fai autocrítica, tras rexistrar os seus peores resultados históricos nas eleccións de Aragón celebradas o domingo pasado. Elma Saiz, voceira do Goberno, admitiu este martes que son "uns malos resultados para a democracia, para o progresismo".
Pero as explicacións da súa desfeita electoral non van moito máis lonxe. Os argumentos non convencen aos socialistas críticos coa actual dirección do partido como o expresidente Felipe González, que hoxe confesou que vai votar en branco nas próximas eleccións xerais.
Ata os socios do Goberno ven o adianto das eleccións máis preto. Para Aitor Esteban, presidente do PNV, "unha lexislatura ata o final de 2027 levada a base de decreto lei pode ser mala para todo o mundo".