Publicador de contidos

Publicador de contidos

IU concorrerá en solitario ás eleccións se non dá pechado alianzas con Sumar e Podemos

IU concorrerá en solitario ás eleccións se non dá pechado alianzas con Sumar e Podemos

Aposta por un acordo que supere os erros do pasado e garanta a súa autonomía plena e sen subordinación a outras organizacións

En Izquierda Unida quéixanse de que non conseguiran nin recoñecemeno nin encaixe democrático nas coalicións con Podemos e Sumar

O sábado, a Coordinadora Federal aprobará o documento de alianzas da organización 

Alberto Ortega/Europa Press Alberto Ortega/Europa Press
EFE 25/04/2025 08:36

Izquierda Unida está disposta a concorrer aos próximos ciclos electorais en solitario se non consegue pactos con outras forzas de esquerda, como Sumar ou Podemos, mediante un acordo que supere os erros do pasado de modo que se garanta a súa autonomía plena e sen subordinación a outras organizacións.

Esta aposta da federación figura no borrador do documento sobre a súa futura política de alianzas que se aprobará o vindeiro sábado, tras someterse a emendas, na súa Coordinadora Federal, co cal quere tomar a iniciativa a favor da unidade da esquerda, pero sempre nun plano de igualdade coas outras forzas.

IU quéixase de que despois de poñer toda a súa fortaleza ao servizo de iniciativas políticas á esquerda do PSOE, primeiro con Podemos e agora con Sumar, non viron que o seu traballo tivese nin recoñecemento nin encaixe democrático nesas coalicións.

Ademais, advirte de que chegar a acordos electorais cinco minutos antes de que finalice o prazo é garantía de fracaso.

Pensa que a folla de ruta, cando non parece que vaian convocarse eleccións á vista, ten que deseñarse tomando decisións coa suficiente marxe, evitando levar as negociacións ata o esgotamento do prazo de presentación legal de coalicións.

O reto sería chegar ao seguinte ciclo electoral con capacidade de conformar acordos amplos de recoñecemento mutuo e representativos.

"Tras anos de conflitos no campo da esquerda transformadora —engade— é preciso que os acordos electorais sexan o resultado de procesos políticos que aglutinen e representen esperanza entre o electorado da esquerda".

Os límites para estas alianzas son as organizacións autodenominadas de esquerda, pero sostedoras da OTAN e compracentes coa escalada bélica na guerra de Ucraína, en referencia ao PSOE, ao que non citan.

Superar os erros do pasado

Para o seu proxecto, promove unha Fronte Ampla de unidade da esquerda con respecto e atención a outras propostas, que debe excluír calquera subordinación a outras organizacións.

"Un acordo que supere os erros do pasado é posible se existe coincidencia nos obxectivos fundamentais, é dicir, sobre un programa mínimo, o respecto á personalidade política de todos os participantes e o funcionamento democrático e participativo", argumenta o texto aínda sometido a debate.

E engade, aínda que buscarán todas as alianzas que sexan posibles, en ningún caso renunciarán a ocupar o espazo da esquerda transformadora por tentacións de sumas electoralistas: "que nos supoñan na práctica o abandono da nosa posición política histórica".

Se é preciso, ás eleccións en solitario

Con todo iso, citan as organizacións ás que van facer a súa proposta: Movemento Sumar, Podemos, Verdes, Compromís, Más Madrid, Comúns, MES e outras que non están en Sumar. Salientan que o acordo será posible sobre a base do programa, o recoñecemento mutuo e o método democrático.

Pero, tamén di o documento: "Se non queren construír alianzas, ou non nuns termos que nos permitan avanzar nos nosos obxectivos políticos, Izquierda Unida garantirá, en calquera caso, a súa presenza no próximo ciclo electoral".

"Non imos deixar de traballar no fortalecemento e visibilidade da organización en termos de autonomía", conclúe antes de aseverar que se debe fuxir dos debates prepolíticos e narcisistas.

 A súa fortaleza reside nas persoas vinculadas á súa organización en máis de 1.600 localidades, sinala o documento, que ademais de subliñar que non hai alternativa de país sen municipalismo apunta que a construción debe ser feita de abaixo a arriba, do local ao estatal, aproveitando a importancia do municipal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade