Italia manterá controis con España ata descartar totalmente riscos de seguridade
A medida non será revisada antes do 15 de agosto, asegurou o ministro do Interior italiano, Matteo Piantedosi
O Goberno de Giorgia Meloni di que España suspendeu temporalmente o acordo de Schengen "unhas 21 ou 22 veces"
Axentes da Policía Nacional realizan controis aleatorios a pasaxeiros italianos. Policía Nacional
O Goberno da primeira ministra Giorgia Meloni manterá a suspensión do acordo Schengen con España e os controis en portos e aeroportos ata que se descarten completamente os riscos de seguridade para Italia, segundo dixo este xoves o ministro do Interior, Matteo Piantedosi.
"A decisión de suspender a aplicación do acordo Schengen non será revisada antes do 15 de agosto e, en todo caso, só despois de que se exclúan completamente os riscos de seguridade para Italia", afirmou Piantedosi.
O ministro do Interior defendeu que a decisión de Italia se axusta plenamente ao dereito europeo, mentres que España seguiu unha "lóxica de represalia" ao responder coa suspensión do acordo de libre circulación impoñendo controis aos viaxantes procedentes de Italia.
Matteo Piantedosi subliñou que o restablecemento temporal dos controis nas fronteiras interiores con España non é unha medida dirixida contra este país ou outros socios da Unión Europea: "Queda fóra de discusión calquera acto hostil cara a España, país ligado a nós por históricos lazos de amizade e irmandade".
Tal e como argumentou o Goberno de Meloni nas últimas dúas semanas, Piantedosi destacou que se trata dunha decisión de "natureza cautelar e organizativa destinada a protexer a seguridade nacional e a sustentabilidade de todo o sistema europeo de controis nun momento de gran tensión".
España aplicou esta medida "unhas 21 ou 22 veces", asegurou o ministro italiano
Neste sentido, lembrou que as suspensións temporais e parciais do acordo Schengen activáronse "centos de veces" nas fronteiras interiores de Europa e a propia España, dixo, recorreu a esta medida "unhas 21 ou 22 veces" como tamén o fixeron estados como Francia, Austria, Alemaña, Dinamarca, Países Baixos, Polonia, Suecia e Noruega.
"Non se pode mirar ao ocorrido en Ceuta coma se fose algo que non nos incumbe. Cada entrada irregular nesas costas representa unha vulnerabilidade para todo o espazo Schengen que proxecta o risco directamente ao interior da nosa casa común", engadiu Piantedosi.
Explicou, ademais, que unha das razóns que valorou o Goberno italiano para chegar a esta decisión foi o potencial risco de infiltracións terroristas nos fluxos migratorios incontrolados, xa que "diversas fontes destacan como algunhas zonas de Marrocos, incluídas as próximas a Ceuta, son historicamente obxecto de recrutamento e radicalización xihadista, e isto debe ser tido en conta".
Tensión nas relacións bilateris entre España e Italia
A crise migratoria de Ceuta tensionou as relacións bilaterais de España e Italia, que o pasado 31 de xullo decretou a suspensión temporal do acordo Schengen coa reintroducción de controis en portos e aeroportos para os viaxantes procedentes de España, por mor da entrada irregular de decenas de miles de persoas na cidade autónoma española no norte de África, a gran maioría dos cales regresou a Marrocos pouco despois.
O Goberno de Pedro Sánchez tras esixir sen éxito a Roma o levantamento destas restricións e respondeu coa suspensión do Schengen con Italia ata o 7 de setembro, aplicando tamén controis aos viaxantes procedentes deste país.