Israel prohibe a entrada no país de Yolanda Díaz e Sira Rego
O ministro de Asuntos Exteriores considera que ambas cruzaron unha liña vermella e veta calquera contacto gobernamental con elas
O Goberno ve inaceptable a medida, e Yolanda Díaz sinala: "É un orgullo que un Estado que perpetra un xenocidio nos prohiba a entrada a Sira Rego e a min"
A sanción contra as ministras de Sumar é a resposta de Israel ao paquete anunciado polo Goberno para frear o xenocidio en Gaza

O ministro de Exteriores israelí, Gideon Saar, anunciou este luns a prohibición de entrada no país tanto da vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo española, Yolanda Díaz, como da ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, en represalia polas medidas anunciadas polo presidente do Goberno español Pedro Sánchez.
"É evidente que Díaz, líder do partido extremista Sumar, está a aproveitarse da debilidade política do presidente Sánchez e estao arrastrando, paso a paso, a implementar a súa visión antiisraelí e antisemita", dixo nun comunicado o ministro de exteriores hebreo.
Gideon Saar considera que é un intento de distraer a atención dos escándalos de corrupción que afectan o Goberno español, a quen acusa de liderar unha liña hostil contra Israel cunha retórica desenfreada e chea de odio.
O Goberno ve inaceptable a prohibición de entrada a Israel de Yolanda Díaz e Rego
O Goberno considera inaceptable a prohibición de entrada a Israel da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz e da ministra de Mocidade Sira Rego.
Nun comunicado, o ministerio de Asuntos Exteriores reacciona así tras a decisión comunicada por Israel e rexeita tallantemente as falsas e calumniosas acusacións de antisemitismo do Executivo hebreo contra España.
Yolanda Díaz está orgullosa de que Israel lle prohiba entrar no país
A vicepresidenta segunda do Goberno Yolanda Díaz asegura que é un orgullo que Israel lles prohiba a ela e á ministra Sira Rego a entrada no país, e pídelle ao executivo que siga dando pasos, como a retirada da embaixadora de España en Israel
"É un orgullo que un Estado que perpetra un xenocidio nos prohiba a entrada a Sira Rego e a min. Imos seguir loitando polos dereitos do pobo Palestino, gústelle ao señor Netanyahu ou non", escribiu Díaz na súa conta da rede social Bluesky.
A líder de Sumar celebra as medidas contra Israel anunciadas este luns polo presidente Sánchez, pero pídelle que non se conforme e que vaia máis aló. Reclama, por exemplo a retirada da embaixadora española de Tel Aviv.
"Estamos no Goberno para isto. A semana pasada transmitímolo ao noso socio: o noso país tiña que facer máis para parar o xenocidio. Grazas á sociedade civil por non mirar a outro lado. Non podemos conformarnos: hai que retirar a embaixadora española de Tel Aviv. Palestina está a esperarnos", escribiu na súa conta da rede social Bluesky.