Publicador de contidos

Publicador de contidos

A flotilla achégase a Gaza e Israel advirte dunha posible interceptación

A flotilla achégase a Gaza e Israel advirte dunha posible interceptación

Segundo a radio pública israelí Kan, avións e buques da Armada están mobilizados

A flotilla está a unhas 200 millas da costa de  Gaza, unha zona de "alto risco" 

Israel acusa á Flotilla de "provocar" en lugar de buscar o fin da súa ofensiva en Gaza
 

Reuters Reuters
G24.gal 30/09/2025 20:51

Avións israelís e buques da Armada prepáranse para interceptar Flotilla Global Sumud que se dirixe a Gaza nas próximas horas e afundir algúns dos seus barcos ante a perspectiva de non poder remolcalos todos, informou este martes a radio pública israelí Kan.

Segundo Kan, Israel reunirá en buques da súa Armada aos máis de 500 activistas que viaxan nos 40 barcos da Flotilla para levalos ao porto da cidade de Asdod (centro de Israel), onde serán interrogados e deportados como en ocasións anteriores.

"O feito de que haxa ao redor de cincuenta buques non permitirá remolcalos a todos, polo que algúns serán afundidos no mar", informou Kan.

A radio pública asegurou que as autoridades se preparan para interceptar a Flotilla nas próximas 24 horas, aínda que a proximidade das naves á zona considerada "de risco" expón a posibilidade de que sexan detidos esta noite, segundo compartiron algúns dos activistas a bordo dos barcos.

A flotilla informou de que se atopan a unhas 200 millas naúticas da costa de Gaza (321 quilómetros) e aproxímanse a unha zona de "alto risco".

As embarcacións transportan na súa maioría produtos médicos, alimentos secos e material escolar, que teñen previsto entregar na Franxa de Gaza.

A Global Sumud Flotilla partiu a principios de setembro desde costas de España e uniuse a embarcacións de Tunes, Italia e Grecia ata conformar a misión marítima máis ampla organizada ata o momento.

Israel fala de provocación

O ministro de Exteriores de Israel, Gideon Saar, acusou este martes á Flotilla Global Sumud, que se aproxima á Franxa de Gaza, de "orquestrar provocacións" en lugar de buscar o fin da ofensiva que o Exército israelí mantén no enclave.

"Estados Unidos, Israel e os líderes de Oriente Medio e de todo o mundo están a tratar de poñer fin á guerra. O obxectivo debe ser reducir a tensión, non orquestrar provocacións, como a flotilla de Hamas-Sumud", escribiu o político na rede social X.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade