Teherán e Washington constatan avances nas conversas de paz
Trump asegura estar dividido entre pechar un "bo acordo" ou facer "voar polos aires" a República Islámica
O xefe do Exército paquistaní, país que actúa de mediador, visitou a capital iraniana este sábado
Buques en Ormuz dende unha praia iraniana. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS
O xefe do Exército paquistaní, Asim Munir, mantivo unha xuntanza este sábado en Teherán co presidente do Parlamentoe xefe negociador iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf; e o ministro de Exteriores, Abás Araqchí.
O mariscal do país que exerce de intermediario nas conversas de paz cos Estados Unidos, cualificou de "altamente produtiva" a reunión. De feito, nada máis rematar comezaron chegar sinais optimistas de ambas as dúas partes.
"Durante a última semana, a tendencia foi cara a un maior achegamento de posturas", declarou o portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Esmail Baghaei, á televisión estatal.
O diplomático evitou, con todo, presentar un acordo como inminente e pediu agardar "tres ou catro días" máis para comprobar a evolución das negociacións.
Segundo o voceiro, as partes buscan actualmente acordar un memorando de entendemento baseado nunha proposta iraniana de 14 puntos, intercambiada varias veces entre ambas as dúas delegacións coa mediación paquistaní.
Pola súa banda, o secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, coincidiu con Baghaei ao afirmar que se lograron "algúns avances" nas conversas e suxeriu que podería haber novidades proximamente.
"Fixéronse algúns progresos. Mesmo mentres lles falo agora, está a traballarse niso. Existe a posibilidade de que, xa sexa máis tarde hoxe, mañá ou nun par de días, teñamos algo que dicir", declarou durante un acto na embaixada estadounidense en Nova Deli.
O presidente Trump ten previsto reunirse este sábado co seu equipo de seguridade, incluído o vicepresidente, JD Vance, e os negociadores estadounidenses Steve Witkoff e Jared Kushner, para avaliar a situación.
Marco Rubio en Nova Delhi. Demaree Nikhinson/Pool vía REUTERS
Aínda persisten diferenzas
Tanto as afirmacións de Baghaei como as de Rubio evidencian tamén as diferenzas que aínda existen entre as partes ao redor de asuntos complexos, especialmente no que se refire ao programa nuclear persa.
O portavoz da diplomacia iraniana insistiu en que debe discutirse nunha segunda fase tras un primeiro acordo de paz, mentres o secretario de Estado dos EUA reiterou que Teherán debe entregar as súas reservas de uranio altamente enriquecido.
Rubio sostén, ademais, que o estreito de Ormuz ten que permanecer aberto e "sen peaxes", en referencia ao proxecto iraniano para regular e cobrar o tránsito marítimo no estratéxico roteiro marítimo.
"O presidente Donald Trump deixou claro que, dunha forma ou outra, Irán nunca poderá ter unha arma nuclear. Os estreitos deben permanecer abertos e sen peaxes. Eles teñen que entregar o seu uranio altamente enriquecido", afirmou Rubio.
Trump antes de subir ao Air Force One este venres. REUTERS/Kylie Cooper
Trump está dividido
Trump amosouse cauto ante os avances e explicou, en breves declaracións telefónicas ao portal Axios, que hai un 50% de probabilidades de chegar a un "bo" acordo.
Con todo, o mandatario advertiu de novo que en caso de non lograr ese pacto, fará "voar polos aires" Irán, unha ameaza que repetiu en numerosas ocasións.
Nun primeiro momento, utilizouna para tentar que a República Islámica pactase un cesamento do fogo, e agora para selar o acordo que busca. En calquera caso, sempre retrocedeu no seu cumprimento e ignorou os seus propios ultimatos.
O cesamento do fogo acordado entre as partes o 8 de abril segue vixente polo momento, aínda que, segundo o propio Trump, é "incriblemente fráxil".