Publicador de contidos

Publicador de contidos

Indignación na India pola violación en grupo dunha turista española

Indignación na India pola violación en grupo dunha turista española

A parella atópase nun hospital recibindo atención médica e probas forenses

O home foi atacado e ameazado mentres violaban a súa muller

Comisión Nacional da Muller (NCW): "O incidente non só avergoñou a Jharkhand, senón a todo o país"

G24.gal 02/03/2024 17:55 Última actualización 02/03/2024 20:32

Unha turista española foi violada en grupo mentres o seu marido era golpeado e ameazado, cando a parella se atopaba de paso acampando nunha zona remota do nordés da India. Este crime provocou a indignación e acusacións entre os políticos do país.

A parella, que levaba varios meses viaxando para percorrer o país dende o extremo sur, instalara unha tenda de campaña preto dunha estación policial do distrito de Dumka, a máis de 1.300 quilómetros de Nova Deli. Foi preto da medianoite cando un grupo de homes atacaron a parella. 

"Atacáronnos na tenda, golpeáronnos, puxéronme un coitelo na garganta dicindo que nos ían matar, e a ela violárona sete homes", explicou mediante un vídeo o home, cidadán español, dende o hospital no que reciben tratamento.

A súa parella, unha cidadá española de orixe brasileira, aparece tamén na gravación, con golpes na cara. A muller tamén contou que foron roubados polos mesmos asaltantes, e asegura que "tiñamos moi pouco, o seu verdadeiro motivo era violarme".

A denuncia de asalto e violación en grupo foi rexistrada pola policía local, mentres que a parella se atopa nun hospital recibindo atención médica e probas forenses.

Baseándose na descrición feita pola parella atacada "detivemos a algunhas persoas (...) e atraparemos ao resto dos acusados tamén (...). A vítima contou preto de sete homes involucrados no crime e detivemos a tres deles", confirmou o inspector de policía Pitamber Singh Kherwar.

A pesar de que a denuncia se fixo na noite do pasado venres, inmediatamente despois do suceso, por problemas de idiomas, os axentes só podían comunicarse en hindi e a parella só falaba inglés e español, as autoridades só souberon que se trataba dunha violación cando os trasladaron ao hospital.

"Non puidemos entendelos, levámolos ao hospital onde descubrimos que se trataba dun caso de violación da muller", dixo Singh Kherwar.

A Comisión Nacional da Muller (NCW), organismo gobernamental da India, condenou "a brutal violación" nun comunicado no que asegura que participaron entre oito e dez persoas no delito.

"A NCW foi informada de que os acusados fuxiron do lugar. Segundo os informes, houbo entre 8 e 10 homes involucrados", asegurou á vez que pediu á Policía "acelerar a investigación neste asunto e invocar cargos de violación" do código penal indio.

"Mamta Kumari, membro de NCW, investigará os feitos do caso e reunirase coa vítima e a policía", asegurarondende a NCW, debido á gravidade da situación.

A asemblea lexislativa de Jharkhand suspendeu, cando menos, en dúas ocasións, a sesión convocada para este sábado pola alterada discusión e acusacións mutuas entre as forzas políticas que gobernan a rexión e os opositores, con relación ao ataque.

Un grupo de parlamentarios pediu un especial debate sobre o caso e sobre o uso das axencias de investigación e de seguridade.

"O incidente non só avergoñou a Jharkhand senón a todo o país. A comisaría de policía a cargo está a tratar de encubrir o asunto. Os culpables están a recibir patrocinio político. Esixo que se estableza un comité de investigación e que se impoñan castigos estritos", afirmou o lexislador opositor Amit Mandal na sesión.

A policía pediu ás vítimas evitar declaracións publicas para non afectar a investigación.

En relación con detalles de varias fontes, a parella, que comezou hai varios anos unha viaxe para dar a volta ao mundo, viaxou dende España para facer un percorrido dende Paquistán, pasar a Bangladesh, Sri Lanka, a India e Nepal.

O último informe de crimes da India corresponde a 2022, e rexistrou 31.500 casos de violación nese ano, unhas 86 por día. Analistas e organizacións civís consideran estes números moi por debaixo da realidade deste país, que exclúe e castiga ás mulleres mesmo por denunciar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade