Hugo Mallo centra a atención do Celta-Raio (18:30 h) polos seus 300 partidos
O capitán é baixa por sanción, pero recibirá unha homenaxe antes do partido
O desta tarde será inesquecible para Hugo Mallo. Porque coa súa homenaxe arrancará a xornada. 300 partidos en Primeira. 15 anos no fútbol profesional. Outros tempos, nos que Mouriño e o alcalde de Vigo compartían sorrisos e nos que as penurias económicas apertaban o Celta. Con Eusebio a fronte dun proxecto de canteira. Hugo debutou ante o Numancia en setembro de 2009. Esta tarde cando salte ao céspede farao como historia, como un emblema.
Mallo é unha das baixas que ten Carvalhal para o partido. As outras, Mingueza, Marchesin e Tapia. Na aliñación o técnico mantén a dúbida de Kevin no lateral dereito e de si vai entrar Cervi por Luca arriba. O Celta chega tras dous empates, con sensación de solidez. Como de solidez sabe o Raio. Equipo difícil de superar. Tres empates nos catro últimos encontros. Equipo que sabe que o perigo do Celta era Aspas, pero agora hai que engadir a Gabri Veiga.
Na primeira volta, Raio e Celta empataron ceros. Foi o primeiro partido de Gabri como titular con Carvalhal. O primeiro punto dos 16 que leva o técnico portugués e que teñen ao Celta tres por riba do descenso.