Hillary Clinton nega ante o Congreso que coñecese ao delincuente sexual Jeffrey Epstein
A exprimeira dama dos EUA acusa aos republicanos de querer "encubrir" as actividades do presidente, Donald Trump, co agresor sexual
"Nunca voei no seu avión nin visitei a súa illa, as súas casas nin as súas oficinas" declarou a exsecretaria de Estado, negando que coñecese ao magnate financeiro falecido
Hillary Clinton. Nancy Kaszerman / Europa Press (Arquivo)
A exsecretaria de Estado dos Estados Unidos, Hillary Clinton, negou este xoves ante un comité do Congreso coñecer en persoa ao delincuente sexual Jeffrey Epstein ou ter coñecemento dos delitos que cometeu.
A exprimeira dama, que comparece a porta pechada desde Nova York ante o Comité de Supervisión da Cámara de Representantes, publicou en redes sociais o discurso inicial que pronunciou durante o interrogatorio. A muller do expresidente Bill Clinton, quen está citado a declarar este venres, acusou o comité, controlado polos republicanos, de citala para "distraer a atención" e "encubrir" as actividades do presidente, Donald Trump, quen tivo relación con Epstein.
"Non lembro atoparme nunca co señor Epstein. Nunca voei no seu avión nin visitei a súa illa, as súas casas nin as súas oficinas. Non teño nada que engadir", declarou.
A exsecretaria de Estado subliñou que "non tiña nin idea sobre as actividades criminais" do magnate financeiro, falecido en prisión en 2019 e precisou que "como calquera persoa decente, arrepioume cando coñecín os seus crimes".
Hillary Clinton definiu o caso Epstein como unha traxedia e un escándalo que merece unha investigación exhaustiva, pero denunciou que o comité non citou aos verdadeiros implicados.
"En cambio, vostedes pedíronme testificar a min, a sabendas de que non teño coñecemento que sirva para a súa investigación, co obxectivo de distraer a atención das actividades do presidente Trump e encubrilo a pesar da lexítima petición de repostas", dixo.
O interrogatorio realízase a porta pechada en Chappaqua, Nova York, localidade onde residen os Clinton, que nun principio se negaron a testificar ante o Congreso pero ante a ameaza de ser acusados de desacato, a exparella presidencial aceptou comparecer. Os dous pediron que o seu testemuño se faga público porque, segudo afirman, non teñen nada que esconder.
Bill Clinton ralizou varias viaxes con Epstein
Bill Clinton recoñece realizar varias viaxes a principios da década do 2000 no avión privado de Epstein por motivos filantrópicos, pero nega ser coñecedor dos delitos do magnate.
Pola súa banda, Hillary Clinton afirma que non coñeceu a Epstein, pero recoñece coincidir en varias ocasións coa súa cómplice Ghislaine Maxwell, condenada a 20 anos de prisión, en eventos da Fundación Clinton.