Goberno e comunidades aproban a axuda de 25 millóns para atender menores migrantes en Ceuta
A Xunta cualifica como insuficiente a cantidade destinada á atención dos menores
Na reunión entre o Executivo central e as autonomías non se tratou o número total de menores migrantes presentes en Ceuta nin a súa posible repartición a outros lugares de España
Menores migrantes en Ceuta agardan ás portas da comisaría para seren rexistrados (Europa Press/Gabriela Sardá)
O Goberno e as comunidades autónomas aprobaron este xoves na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia o crédito extraordinario de 25 millóns de euros para a atención da infancia migrante en Ceuta.
A reunión, á que non acudiron Aragón, Estremadura e Castela e León, tiña un único punto na súa orde do día, sobre a axuda para Ceuta, que foi aprobada por unanimidade de todas as autonomías presentes, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Mocidade e Infancia.
Ao encontro acudiron presencialmente Cataluña, Navarra, Canarias e Madrid, mentres as demais autonomías, fóra de Aragón, Estremadura e Castela e León, participaron de forma telemática.
A Xunta ve insuficiente a dotación económica
A conselleira de Política Social, Fabiola García, considerou "completamente insuficiente" esa transferencia de 25 millóns de euros. Segundo García esta cifra non chega para atender a "gravísima" situación existente en Ceuta e é necesario dispoñer de "máis financiamento" para este asunto.
Non se abordaron, con todo, na conferencia sectorial de hoxe outros asuntos como o número de menores migrantes presentes hoxe por hoxe na cidade autónoma nin posibles criterios para a súa repartición naqueles casos nos que non sexa posible o reagrupamento familiar.
García declarouse partidaria de apostar por este reagrupamento sempre que sexa posible e de que, naqueles casos nos que non o sexa, o Goberno de Marrocos asuma a tutela destas persoas conforme ao disposto na lei de estranxeiría.
No entanto, sobre esta futura repartición de menores migrantes, mostrou a disposición da Xunta a acoller máis persoas "sempre que exista consenso, planificación e financiamento".