Giráldez: "O Eldense é un equipazo, eles teñen a presión"
Giráldez: "O Eldense é un equipazo, eles teñen a presión"
Giráldez recoñeceu que “o foco” está posto no primeiro equipo pola súa delicada situación na Liga
Claudio Giráldez, adestrador do Celta B, trasladoulle ao Club Deportivo Eldense “a presión” de superar a primeira eliminatoria polo ascenso a Segunda División que ambos os equipos abrirán este domingo en Balaídos:
“O Eldense non subiu por un gol, é un equipazo. Ten xogadores con experiencia en Segunda e mesmo Primeira División. Ten unha capacidade ofensiva moi importante e experiencia atrás. Eles teñen a presión por conseguir un obxectivo para o que están deseñados”, subliñou na súa comparecencia ante os xornalistas.
Giráldez recoñeceu que “o foco” está posto no primeiro equipo pola súa delicada situación na Liga, pero lembrou que o filial ten por diante “unha oportunidade brutal” para dar o salto ao fútbol profesional co seu ascenso a Segunda División:
“A situación é a que é. Estamos tranquilos, confiamos en que vai ser unha fin de semana moi boa. Os focos son para o primeiro equipo. Nós dependemos deles, pero estou tranquilo. Non vexo motivos para non estalo”, asegurou.
O técnico galego dixo que o Celta B xa fixo historia porque “non” contaban con clasificarse para o playoff de ascenso, e reiterou que non se lle pasa “pola cabeza” pensar que non poderán celebrar un hipotético ascenso pola perda de categoría do primeiro equipo.