Galicia, o alicerce a selección española que xogou o Mundial de 1966
Borja Iglesias é o 15º xogador galego que participa nunha cita mundialista
Na Copa do Mundo de Inglaterra Reija, Ufarte, Amancio, Luis Suárez e Marcelino lideraron o equipo de Villalonga
A convocatoria de Borja Iglesias para o Mundial convérteo no decimoquinto xogador galego en acudir coa selección a unha fase final. A súa presenza entre os 26 elixidos supón un recoñecemento o santiagués e tamén o noso fútbol, que tivo o seu momento culmiante no ano 66 coa inclusión de cinco xogadores na lista de 22 que partía como unha das favoritas o Campionato de Inglaterra. Reija, Ufarte, Suárez, Amancio e Marcelino.
O centro de operacións estableceuse en Santiago porque o seleccionador José Villalonga quería que os seus futbolistas se adaptasen o clima que se ían atopar nas Illas Británicas. Pero o asunto foise das mans xa que a choiva estivo presente durante os trinta e sete días que estiveron concentrados. Durante ese tempo, España disputou nove partidos de preparación. O primeiro deles en Riazor con derrota ante o Ajax de Cruyff por dous a un. Os dous seguintes saldáronse con vitorias en Santa Isabel por dous a cero e catro a cero ante o Compostela reforzado con xogadores internacionais, como Reina e Peiró. No cuarto partido celebrado en Balaídos, España impúxose o Royal Beerschot belga por catro a cero con tres goles de Marcelino. Tres días despois, o equipo empatou a un en Riazor fronte o Uruguai. E a tarde seguinte, en Santiago, nova vitoria fronte o Compostela por catro a dous.
Na última semana, o combinado estatal sumou tres novas vitorias en Pasarón. Goleada por cinco a cero ante o Wiener austríaco. E tres días máis tarde, en dous partidos de cincuenta minutos derrotou o Coruxo por oito a cero e o Ourense por dous a cero. O curioso é que cando o equipo chegou a Inglaterra tivo que soportar altas temperaturas, impropias nese país que afectaron o rendemento do equipo. De feito, España quedou eliminada na primeira fase ó perder contra Arxentina e Alemaña por dous a un e vencer a Suíza polo mesmo resultado.
Precisamente neste Mundial, Amancio marcou o primeiro gol galego coa selección nunha fase final. Iago logrouno 32 anos despois en Rusia. Borja asina facer o seguinte.