Publicador de contidos

Funcas propón mellorar a coordinación entre políticas de subsidios e promoción do emprego

Funcas propón mellorar a coordinación entre políticas de subsidios e promoción do emprego

Nunha entrevista na Radio Galega, Elisa Chuliá, directora de Estudos de Funcas, advirte de que o problema do aumento das vacantes de postos de traballo é de carácter estrutural e precisa de políticas a longo prazo

Chuliá apunta como solucións modular oferta educativa ás necesidades das empresas, orientar a inmigración a esas demandas e, nun contexto de inflación, mellorar os salarios dos mozos e mozas

G24.gal 20/09/2023 09:41

Funcas, o laboratorio de ideas da Fundación das Caixas, propón mellorar a coordinación entre as políticas de prestacións e subsidios de desemprego e as de promoción e acceso ao mercado laboral para solucionar o problema do aumento de vacantes de postos de traballo

A socióloga Elisa Chuliá, directora de Estudos de Funcas, recoñece que a convivencia entre as dificultades cada vez maiores para cubrir as vacantes de postos de traballo nalgúns sectores e unha elevada taxa de desemprego é unha anomalía da economía española, aínda que tamén se produce en moitos países da Unión Europea.  

"Falta coordinación entre políticas pasivas de emprego (prestacións e subsidios para desempregados) e políticas activas (ás que lles axudan aos desempregados a atopar traballo). Este é un problema estrutural que non se pode resolver con medidas a curto prazo", asegura.

"Sempre sería preferible traballar a estar desempregado, aínda que sexa cobrando unha prestación ou un subsidio", sostén Chuliá.

Para a directora de Estudos de Funcas, cómpre axustar a oferta educativa ás necesidades das empresas, tal como se está facendo nos últimos anos coa promoción da Formación Profesional. Pero considera que "a universidade debe facer un esforzo maior para ver onde están as necesidades do mercado de traballo".

"É cuestión de tempo. Fai falta que os dous mercados, o da educación e o do traballo, se axusten mellor. E iso en España non funcionou tradicionalmente".

Outra das solucións para cubrir as vacantes de postos de traballo viría da man da inmigración. Pero sempre, segundo a responsable de Estudos de Funcas, que estea orientada ás necesidades reais do país.

"Hai que ofrecer á xente que veña as condicións axeitadas para que se poida inserir no mercado de traballo e poida desenvolver aquí unha vida que lles permita acadar un nivel de benestar do que probablemente carezan nos seus países. Agora ben, non ten moito sentido incorporar inmigrantes aos que non se lles pode ofrecer traballo nin o benestar que queremos para calquera ser humano", conclúe Elisa Chuliá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Publicador de contidos