Publicador de contidos

Publicador de contidos

Filipe VI reivindica a eficacia da ONU para protexer o respecto ao Estado de Dereito

Filipe VI reivindica a eficacia da ONU para protexer o respecto ao Estado de Dereito

Agradeceu o seu labor a todos os funcionarios españois na ONU e lembrou que España conta cunha comunidade no exterior que supera os tres millóns de persoas, preto de 200.000 delas residentes nos Estados Unidos de América

Casa do Rei
G24.gal 23/09/2025 08:41

Filipe VI reivindicou este luns a eficacia da ONU para protexer a orde internacional e o respecto ao Estado de Dereito, nun momento crucial para a diplomacia multilateral.

O monarca defendeu o papel de Nacións Unidas nunha intervención con motivo da recepción que ofreceu á colectividade española en Nova York con motivo da súa viaxe aos Estados Unidos para intervir en nome de España na apertura do período de sesións da Asemblea Xeral da ONU.

Considerou unha honra encabezar a delegación española nunha conmemoración que, dixo, celébrase nun momento de enorme transcendencia para a diplomacia multilateral, crucial, que non admite vacilacións e que esixe de todos unha cooperación firme, solidaria e eficaz se de verdade hai unha vontade clara e honesta de avanzar e non deixarse levar por intereses excluíntes.

O rei lembrou que a ONU naceu tras a guerra mais devastadora como un pacto entre nacións e unha promesa ás xeracións futuras de que nunca máis se permitiría que o medo, a violencia e as ameazas marcarán o destino común.

"Honrar esa promesa non é mirar atrás, senón actuar. E actuar significa facer valer ese pacto", engadiu o xefe do Estado, quen asegurou que España quere actuar e encara este 80 aniversario convencida de que o multilateralismo é a ferramenta máis eficaz para responder aos grandes desafíos, e Nacións Unidas xoga un papel central na protección dunha orde internacional fundamentada en regras e no respecto ao Estado de Dereito.

Agradeceu o seu labor a todos os funcionarios españois na ONU e lembrou que España conta cunha comunidade no exterior que supera os tres millóns de persoas, preto de 200.000 delas residentes en Estados Unidos de América, e que reforzan os vínculos entre os dous países.

A eles dirixiuse de novo para eloxiar que manteñan viva a presenza de España en Estados Unidos cando pronto se vai celebrar o 250 aniversario da súa independencia, un momento histórico no que recalcou que España tivo tamén un papel decisivo.

Filipe VI asistirá este martes xunto ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, á apertura do novo período de sesións da Asemblea Xeral da ONU (ante a que intervirá o mércores) e acudirá á recepción que ofrece aos cabezas de delegación o presidente dos EUA, Donald Trump.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade