Fer López: "Baixei bastante a ficha para xogar aquí"
O canteirán recoñeceu que tivo ofertas de España, de Italia e de Francia
O Celta presentou esta mañá a Fer López que regresa cedido polos Wolves ata final de temporada. O canteirán recoñeceu que tivo ofertas de España, de Italia e de Francia. Pero quería xogar en Vigo e mesmo baixou a súa ficha.
"Baixei bastante a ficha para xogar aquí".
O Celta asume esa ficha e págalle unha pequena cantidade ao Wolverhampton.
A pesar de que López estivo no banco do Wolverhampton o pasado sábado no partido que o seu equipo perdeu contra o Manchester City, todo estaba xa acordado co Celta, que esperaba a que o futbolista viaxase á cidade para facer oficial a súa cesión ata final de tempada.
A previsión do Celta é que a perla canteirá debute no partido de Liga que o grupo de Claudio Giráldez disputará no Coliseum contra o Xetafe o vindeiro domingo.
O atacante non poderá xogar o xoves en Belgrado o partido de Europa League contra o Estrela Vermella ao non estar rexistrado polo Celta en competición europea. López si poderá xogar a seguinte eliminatoria europea, para a que o Celta está xa matematicamente clasificado, ao abrirse un novo período de inscrición unha vez que conclúa a primeira fase do torneo.