Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece o escritor vigués Domingo Villar aos 51 anos tras sufrir un ictus

Falece o escritor vigués Domingo Villar aos 51 anos tras sufrir un ictus

A súa editorial manifestou que non haberá capela ardente do popular escritor  por expreso desexo da familia, que quere despedilo na máis estrita intimidade

G24.gal 18/05/2022 11:15

O escritor vigués Domingo Villar faleceu este mércores aos 51 anos de idade no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde ingresara este luns tras sufrir un infarto cerebral.

Así o confirmou a editorial Siruela, quen manifestou que non haberá capela ardente do popular escritor por expreso desexo da familia, que quere despedilo na máis estrita intimidade.

Domingo Villar era un dos escritores galegos máis recoñecidos grazas á tradución dos seus libros a varios idiomas, a partir das versións orixinais en galego e castelán. 'Ollos de auga' foi a súa primeira novela, publicada en 2006, seguida de 'A praia dos afogados'. En ambas, Vigo ten un papel protagonista.

O escritor de novela negra foi un dos galardoados co premio Vigués Distinguido este ano, grazas á súa obra, recoñecida en todo o mundo. "Hoxe faleceu aos 51 anos Domingo Villar, o noso autor, o noso querido amigo e o protagonista dun dos grandes fenómenos da novela policial en castelán dos últimos anos, ao que tivemos o orgullo de acompañar no camiño", sinala Siruela nun comunicado.

Asentado en Madrid desde hai case 30 anos, gustáballe describirse como "un pesimista alegre" e como un "artesán que conta historias amodiño e que fala de personaxes emocionados".

A súa escrita, vencellada aos lugares do seu Vigo natal, a ría, o Elixio... son escenarios dunha triloxía que precisou dunha década de silencio literario para rematar a terceira entrega. Domingo Villar tiña claro que "a presa é inimiga da literatura".

Para Domingo Villar a literatura foi terapéutica e nostálxica, confesaba que cando pechaba os ollos para escribir, se lle aparecía Vigo, o lugar emocional onde o creador xa descansa en paz.

O  presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, transmitiu en nome da Xunta, o pesar de toda Galicia polo falecemento do escritor galego Domingo Villar

Publicidade
Publicidade
Publicidade