Falece Inmaculada Paz Andrade, referencia mundial en Microcalorimetría
A pontevedresa, de 89 anos, foi a primeira muller nominada como profesora e investigadora na Universidade de Manchester

A catedrática Inmaculada Paz Andrade, considerada unha referencia mundial nos ámbitos da Microcalorimetría e Calorimetría Diferencial de varrido, faleceu este xoves, segundo informou a Universidade de Vigo.
Nada en Pontevedra no ano 1928, Paz Andrade foi a primeira muller nomeada, en 1979, como profesora e investigadora invitada da Universidade de Manchester.
Foi tamén en 1964 a primeira profesora adxunta interina na Universidade de Santiago, onde en 1983 foi a primeira catedrática de Física Aplicada e, tres décadas despois, foi a primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedade Española de Física.
Aos seus 89 anos, en maio de 2018, foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Vigo, nun acto que se celebrou na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.
Durante a súa carreira foi ademais recoñecida con distincións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Premio María José Wonemburger ou o premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares e Rodrigo.
A académica, á que o Journal of Chemical Thermodynamics dedicou en 1994 un número monográfico, dirixiu 39 teses de doutoramento, publicou preto de vinte libros e coordinou 29 proxectos de investigación.
Un deles foi o desenvolvido polo grupo multidisciplinar Thor, centrado no desenvolvemento de sistemas informáticos para loitar contra os incendios forestais en todas as súas etapas, que impulsou en 1999 coa participación de máis de 40 especialistas.