Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA e o Reino Unido bombardean por cuarta vez posicións hutís no Iemen

Os EUA e o Reino Unido bombardean por cuarta vez posicións hutís no Iemen

Ambas as dúas nacións xustifican a acción polo crecente número de ataques hutís contra embarcacións no mar Vermello

G24.gal 25/02/2024 09:37 Última actualización 25/02/2024 11:04

Os Estados Unidos e o Reino Unido bombardearon nas últimas horas varias posicións dos rebeldes hutís do Iemen, na cuarta operación conxunta das dúas nacións contra ese grupo, segundo un comunicado conxunto.

A operación golpeou 18 "obxectivos" en oito localizacións distintas do Iemen, incluídos almacéns subterráneos onde supostamente os hutís gardan algúns dos mísiles que usan para atacar embarcacións no mar Vermello, segundo o texto.

Os bombardeos tamén alcanzaron sistemas de defensa aérea, radares e un helicóptero, segundo o comunicado subscrito polos Estados Unidos, o Reino Unido e os outros seis países que apoiaron a operación (Australia, Barhein, Canadá, Dinamarca, Países Baixos e Nova Zelandia).

Os bombardeos prodúcense en resposta ao crecente número de ataques hutís, apoiados por Irán, contra diversas embarcacións, incluíndo o lanzamento de mísiles contra un cargueiro británico e un destrutor estadounidense no mar Vermello e na cidade costeira de Eilat, no sur de Israel.

Os rebeldes aseguran que os seus ataques son unha represalia pola ofensiva que Israel lanzou sobre a Franxa de Gaza despois do ataque do grupo palestino Hamas o 7 de outubro de 2023.

A violencia avivou os temores de que a guerra en Gaza, onde morreron máis de 29.600 persoas, se converta nun conflito rexional. Ademais, estes ataques poderían ter un grande impacto para a economía mundial porque por este mar circula case o 15 % do comercio marítimo global.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade