Publicador de contidos
Publicador de contidos

Seguen intentando reflotar o cargueiro que encallou na ría de Ribadeo

Seguen intentando reflotar o cargueiro que encallou na ría de Ribadeo

Cara á zona desprázanse dous remolcadores de gran potencia para facer a manobra

O incidente non afecta a operatividade do peirao comercial e a situación do buque é segura non hai risco medioambiental

G24.gal 15/03/2024 14:38 Última actualización 15/03/2024 20:57

Aproveitando a nova preamar das oito da tarde, tres remolcadores de maior potencia ca os anteriores intentan reflotar o mercante que leva 36 horas varado a poucos metros do peirao de Ribadeo. Pero polo de agora, todo está sendo en van.

A tripulación do Albiz agarda a bordo a que liberen o buque. A súa situación é segura, non ten danos no casco e non hai risco medioambiental. "O importante e que non haxa danos persoais, que quede nunha anécdota", comenta un veciño.

O buque está cargado con 3.500 toneladas de madeira de eucalipto. Coa preamar intentarán de novo reflotalo. Unha manobra para a que se van desprazar á zona dous remolcadores de gran potencia. 

"Coa axuda de remolcadores de maior potencia que os que participaron onte esperamos que se poda reflotar, no caso de que non tivera éxito esta manobra, o domingo procederase a rebaixar a carga", explica o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal.

En principio descargaríanse mil toneladas, con esta rebaixa o barco reduciría os centímetros de calado necesarios para desencallar. "Descargar un pouco para poder chegar a porto, eu son mariñeiro e vivín unha situación similar", comenta un mariñeiro xubilado.

O que non se sabe é por que acabou encallando. O Albiz é dos cargueiros habituais do peirao ribadense, coñece ben o seu fondo areoso. Algunhas voces apuntan aos traballos de dragaxe que estes días se fan na ría.

"Alterarían o fondo e o práctico pois non sabe si o modificaron, as correntes levan dun sitio a outro a area", comenta un veciño.

O incidente non está a alterar a operatividade do peirao, si a rutina dos ribadenses, hai moita expectación arredor do buque.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade