Publicador de contidos

Publicador de contidos

España retírase do Festival de Eurovisión pola permanencia de Israel no certame

España retírase do Festival de Eurovisión pola permanencia de Israel no certame

RTVE acordou o pasado mes de setembro que España se retiraría se Israel formaba parte do evento, polo xenocidio en Gaza

A saída do festival implica ademais que RTVE non emitirá a final de Eurovisión 2026

Irlanda e Países Baixos tamén se retiraron e agárdase que polo menos Eslovenia e Islandia tampouco participen

G24.gal 04/12/2025 18:45 Última actualización 04/12/2025 19:14

RTVE anunciou a retirada de España do Festival de Eurovisión despois das votacións celebradas este xoves na 95ª Asemblea Xeral da UER en Xenebra, que concluíron coa permanencia de Israel no certame musical europeo.

O Consello de Administración de RTVE acordara o pasado mes de setembro que España se retiraría de Eurovisión se Israel formaba parte del, polo xenocidio en Gaza e o “incumprimento sistemático” deste país das normas do propio concurso.

A saída do festival implica ademais que RTVE non emitirá a final de Eurovisión 2026, que se celebrará en Viena o próximo 16 de maio, nin as semifinais previas do concurso, que terán lugar os días 12 e 14.

Na súa conta da rede social X, o presidente da Corporación, José Pablo López, dixo despois da reunión que “O sucedido na asemblea da UER confirma que Eurovisión non é un concurso de cancións senón un festival dominado por intereses xeopolíticos e fracturados”.

As cadeas públicas que forman parte da Unión Europea de Radiodifusión (UER) aceptaron este xoves, nunha votación durante a súa asemblea xeral, as reformas do festival propostas pola organización de Eurovisión. Con esta decisión, as televisións socias evitaron someter a votación unha iniciativa para apartar Israel do concurso.

A moción saíu adiante con 738 votos a favor, 264 en contra e 120 abstencións, segundo o resultado da votación. A aprobación das reformas pecha a vía interna aberta para debater a posible exclusión de Israel da próxima edición de Eurovisión.

Ademais de España, as cadeas públicas dos Países Baixos (AVROTROS) e Irlanda (RTÉ) anunciaron que se retiraban do concurso. Estas corporacións xa comunicaran que non participarían se Israel continuaba entre os países concursantes.

Xunto a elas, tamén se agarda que se ausenten da edición de 2026 Eslovenia (RTV Slovenija) e Islandia (RÚV). Son as outras dúas cadeas que condicionaran a súa presenza no festival a que Israel non competise na próxima convocatoria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade