Ecoloxistas denuncian ante a Fiscalía a responsable da Xunta por un proxecto do Celta
O motivo é negarlles o acceso a un informe vinculante desfavorable ao proxecto GS-360 que o Celta pretende construír en Mos

Ecoloxistas en Acción Galicia presentou ante a Fiscalía de Santiago de Compostela unha denuncia para que abra dilixencias contra o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, por negarlles o acceso a un informe vinculante desfavorable ao proxecto GS-360 que o Celta pretende construír en Mos (Pontevedra).
Os ecoloxistas informan nun comunicado de que o pasado 25 de xaneiro solicitaron unha copia do informe que declarou proxecto de interese autonómico (PIA) a Factoría do Deporte que pretende crear o club de fútbol nos Montes de Tameiga. Unha solicitude que foi denegada por resolución do secretario xeral o pasado 19 de febreiro a pesar de que, lembran desde Ecoloxistas en Acción, a Lei de Transparencia de 2013 recolle que todas as persoas teñen “o dereito de acceso á información pública”.
Por iso, entenden que se trata dunha resolución “absolutamente arbitraria e contraria ao dereito” porque ten como “única motivación”, puntualizan, impedir o seu acceso a unha información importante ao tratarse dunha asociación “molesta para os promotores do PIA e as Administracións cómplices”.
“Temos claro que o secretario xeral para o Deporte escóndenos esta información para obstaculizar o noso obxectivo de defensa ambiental dos montes comunais de Mos, que se verán gravemente afectados polo proxecto GS360”, declarou Eloy Pérez, coordinador de Ecoloxistas en Acción.
A organización ecoloxista cre que estes feitos poden integrar “un delito de prevaricación” do artigo 404 do Código penal, e por iso solicitan á Fiscalía que abra dilixencias e que estime se os documentos achegados son “indiciarios da comisión dun delito ou dalgún outro tipo de responsabilidade.