Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo remonta e acariña o ascenso a Primeira División (2-1)

O Deportivo remonta e acariña o ascenso a Primeira División (2-1)

Comezou perdendo contra o Andorra pero os goles de Soriano e Zaka no segundo tempo danlle a vitoria aos de Antonio Hidalgo

Cunha vitoria nalgún dos partidos que lle quedan -Valladolid ou As Palmas- regresará á máxima categoría

G24.gal 17/05/2026 15:38 Última actualización 17/05/2026 16:01

Un triunfo necesita o Deportivo para regresar á Primeira División. O triunfo sufrido diante do Andorra (2-1) fai que o cadro coruñés gañando un dos dous partidos que ten por diante (Valladolid e As Palmas) regrese á máxima categoría do fútbol español. 

Pode que os nervios ou a trascendencia do partido condicionaran o partido do Deportivo no primeiro tempo no que o Andorra marcou un gol e tivo o control do xogo e a meirande parte dos achegamentos. Yeray e Cerdá foron un incordio constante para a defensa coruñesa nun equipo que non conseguía xerar opcións de ataque. No minuto 33 o Andorra atopaba premio á súa insistencia co gol de Josep Cerdá despois dunha gran manobra na área. 

Con máis corazón que cabeza o Deportivo tirouse á procura do empate antes do descanso. Avisou Quagliata pero foron Yeremay e Nsongo os que gozaron de dúas oportunidades clarísimas para poñer o empate no marcador. 

Chegaría o tan ansiado premio na primeira xogada do segundo tempo. Mario Soriano sorprendeu cun disparo desde lonxe que entrou por toda a escadra. Era o minuto 48 e quedaba moito por diante para buscar a vitoria. O rendemento do equipo do Principado baixou e a confianza do Deportivo medrou conforme pasaban os minutos. No 69 o pau cruzouse na tentativa de Yeremay e no 76 avisou Quagliata cunha vaselina. 

O que acabou marcando foi Zakaria no 81 nun saque de banda de Escudero prolongado por Nsongo. Outra vez os trocos servíanlle ao Deportivo para desnivelar o marcador. 

Houbo oito minutos de engadido, moito sufrimento pero Riazor puido festexar un triunfo que deixa o cadro coruñés moi preto de acadar o ascenso. A vindeira fin de semana podería acontecer o regreso no José Zorrilla de Valladolid. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade