O presidente de AGALIN pide ás administracións que incentiven o mercado de alugueiro
O presidente de AGALIN pide ás administracións que incentiven o mercado de alugueiro
O presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias di que catro das sete cidades galegas teñen xa máis vivenda turística que pisos para alugueiro de longa duración
O presidente de AGALIN Carlos Debasa atribúe a falta de vivendas para alugar a dúas causas: unha reticencia histórica dos galegos a poñer pisos baleiros no mercado e a proliferación de vivendas de uso turístico. Nos últimos catro anos, di Debasa, o seu número medrou exponencialmente:
"No ano 2018 había 500 vivendas de uso turístico, a día de hoxe hai máis de 14.000. Non hai sector nin actividade cunha progresión tan alta... Hai cidades que son o epicentro deste problema, como Santiago de Compostela, onde hai menos de 100 vivendas destinadas ao alugueiro de longa duración contra máis de mil destinadas a uso turístico. Pero das sete cidades de Galicia, en catro xa está pasando isto: hai máis vivendas destinadas a uso turístico que a alugueiro de longa duración".
Debasa cre que as Administracións deben controlar máis ese mercado, xa que moitas das vivendas de uso turístico operan sen autorización. E pide tamén incentivos para atraer propietarios ao mercado de alugueiro:
"Poden bonificar desde as Administracións algún tipo de seguro de protección contra o pago de rendas... Tamén poden optar por algún tipo de bonificación fiscal: se vostede ten a vivenda pechada e a saca ao mercado de alugueiro de longa duración, podemos bonificarlle o IBI, ou axudarlle na reforma se a vivenda non está en condicións".
O presidente de AGALIN avaliou tamén o récord de compravenda de vivendas o pasado mes de abril. As operacións subiron en Galicia un 7 %, unha suba que estivo acompañada dun incremento dos prezos, que medraron un 8,5 % interanual no caso da vivenda libre. Debasa atribúe esa tendencia ás facilidades de financiamento e á capacidade de aforro das familias durante a pandemia.
Con todo, o presidente da Asociación de Inmobiliarias descarta que esteamos ante outra burbulla inmobiliaria: "Non ten nada que ver a situación actual con situacións do pasado que afortunadamente se corrixiron: nin no acceso ao financiamento nin tampouco en canto aos prezos. Non se vai vender nada a día de hoxe que non estea en prezo de mercado".