David Mella ergue os ánimos do deportivismo
O Deportivo gañoulle por 2-0 ao líder Ponferradina coa participación do canteirán nos dous goles
Despois de moitas xornadas o cadro coruñés volve a postos de play off
David Mella foi unha das sorpresas no equipo titular de Idiákez. Deulle a banda dereita ao xuvenil a carón de Yeremay e con Lucas por diante. E o canteirán saiu pola porta grande de Riazor despois de ser o que máis perigo xerou sobre a porta da Ponferradina, facer unha gran xogada no primeiro gol e provocar o penalti do segundo. Case sen poder andar pero cheo de orgullo marchou do campo diante dunha bancada alporizada.
O Deportivo acadou un triunfo solvente diante da Ponferradina, o líder da Primeira Federación que marchou da Coruña sen tirar a portería. Os dous cadros tomaron moitas precaucións defensivas, as ocasións caían a pingas pero o tanto de Villares despois da xogada de Mella comezou a decantar a balanza a prol dos coruñeses.
Ao comezo do segundo tempo o Deportivo mereceu marcar o segundo e conseguiuno despois dun penalti forzado por Mella e transformado por Lucas Pérez. Aí rematou o partido. A Ponferradina non tivo capacidade de reacción, mantén a primeira praza pero recibiu un aviso do que pode ser a segunda volta.