Coudet agarda polo resultado dos test para saber os xogadores cos que pode contar
Aguantará ata última hora para dar a lista de convocados
Viaxan a Sevilla o mesmo día do partido
O Chacho Coudet agardará ata o último intre para dar a lista de convocados para o partido do Celta no campo do Betis. O gromo de coronavirus que houbo dentro do equipo (ata 9 xogadores) podería ter unha consecuencia menor no caso de que algún deles teña un resultado negativo nos últimos test que fixo o club. As únicas baixas seguras son as de Augusto Solari e Thiago Galhardo, os dous mancados.
"Foi unha vaga menos forte que a anterior", asegurou Coudet que contará con aqueles xogadores que sexan negativos aínda que non puideran adestrar co grupo desde o parón de Nadal. "Se están na lista poderán xogar. Non hai máis" comentaba o Chacho que recoñeceu que este foi o partido máis complicado de preparar de toda a temporada.
O adestrador tamén se referiu á posible chegada do mexicano Pineda como reforzo no mercado invernal. Coudet confirmou que aínda non se liberou unha praza de extracomunitario co que non podería inscribirse.