Continúa a alerta laranxa na costa galega polas malas condicións do mar

As condicións do mar seguen sendo perigosas, pero a situación en terra é máis favorable

Agárdase unha mellora progresiva da situación marítima nos vindeiros días

G24.gal 05/11/2023 17:28

No medio da potente ondada, unha goleta loita conta o temporal nunha travesía case que homérica. Entre os que observan dende terra está Francisco, coleccionista de fotos atlánticas.

"Isto gústame moito, podería estar aquí horas e horas e non me canso".

O aviso vermello mudou a laranxa, pero as condicións do mar seguen sendo malas, con ondas de oito metros que piden prudencia. En terra si se nota máis a mellora.

"Hoxe mellorou moito a cousa. Saíu un pouco o sol, aprovéitase para saír a dar un paseo e ben".

No paseo marítimo da Coruña, o vento desapareceu da ecuación e as bategadas intermitentes non impiden a camiñada, aínda que si a condicionan. Así o contan algunhas persoas que saen polo paseo marítimo:

"Home, non é moi agradable, pero hai que facelo, non podemos quedar parados".

"Vén toda a semana así de malo, paréceme. Vannos saír escamas".

"Non queriamos auga? Auga vai".

"Este tempo facía falta aquí. Queremos todo pero non pode ser".

Mañá seguirá chovendo, pero a situación no mar irá mellorando progresivamente. A duna antiborrascas de Riazor, reconstruída tras o último temporal de outubro, está disposta para o próximo envite.

Temporal na mariña lucense

As ondas no Vicedo, de entre cinco e oito metros, reflectían esta mañá a alerta laranxa que vive hoxe a costa galega. Vento, frío e choiva son as constantes nun día no que nalgunhas zonas da Mariña, no que vai de xornada, xa se recolleron 30 litros por metro cadrado.

Caída de árbores e de postes da luz, e bolsas de auga nas estradas son algunhas das consecuencias dun temporal que moitos veciños da zona asumen coma propio destas datas.

"O mar está así porque fai vento e polo mar non poden traballar os barcos e todo iso. Pero do resto non se nota máis nada. Case todos os anos hai un ou dous temporais, ou tres".

"Como vén? Como todos os anos, ven algún refacho forte pero do resto non foi tanto vento, ten feito máis".

Esta mañá o río desbordouse en Viveiro ao seu paso por Area, na parroquia de Faro. Salvo este, e ata o de agora, hoxe non houbo ningún outro aviso de consideración relacionado co temporal.

No Xistral, en Muras, concello veciño da mancomunidade da Mariña, rexisotráronse onte ventos superiores aos 180 quilómetros hora que esta noite amainaron ata os 112 quilómetros hora. Con todo, esta mañá a choiva caía incesante nesta área, onde parecía imposible atopar a alguén fóra da casa.

Para esta tarde as previsións non cambian moito, e mesmo en zonas de montaña, coma no Alto do Poio, é posible que as precipitacións caian en forma de neve en cotas arredor dos 1.100 metros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos