Publicador de contidos

Publicador de contidos

Achegas da Xunta ao plan de continxencia: enerxías renovables sen renunciar a nucleares e térmicas

Achegas da Xunta ao plan de continxencia: enerxías renovables sen renunciar a nucleares e térmicas

O Goberno galego enviou ao Ministerio de Transición Ecolóxica un documento de 22 páxinas coas súas propostas

A eólica mariña é unha das principais apostas da Xunta en canto a enerxías renovables 

G24.gal 01/09/2022 11:31 Última actualización 01/09/2022 14:45

A Xunta de Galicia propuxo ao Goberno central unha serie de medidas como potenciar enerxías renovables, como a eólica mariña, sen renunciar mentres ás tecnoloxías actuais, como a nuclear ou térmica. E ao mesmo tempo aposta pola diversificación tecnolóxica e o desenvolvemento de infraestruturas, xunto con medidas que palien as posibles perdas na industria, para evitar peches ou deslocalizacións. 

A Xunta enviou ao Ministerio de Transición Ecolóxica un documento de 22 páxinas coas propostas do executivo galego para axustarse á política da Unión Europea de rebaixar a dependencia do gas de Rusia en resposta á invasión militar dese país en Ucraína.

O Executivo galego insiste en que o Goberno central debería acordar o plan coas comunidades autónomas. Entre as súas suxestións figuran o impulso das infraestruturas de conexión do gasoduto/hidroducto Guitiriz-Zamora e co norte de Portugal para favorecer o transporte de gas e do chamado "hidróxeno verde".

Tamén propón impulsar medidas administrativas "áxiles" para facilitar a implantación de proxectos de "enerxía eólica mariña". Alega a Xunta que "Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños de Europa, ten o potencial de converterse nun referente neste ámbito", tanto en "xeración" como en "desenvolvemento tecnolóxico e industrial asociado".

Ai mesmo tempo, suxire "simplificar" trámites para "favorecer o fomento do autoconsumo eléctrico" para "incrementar o obxectivo de potencia instalada da tecnoloxía solar fotovoltaica nun 70 %".

Entre as propostas da Xunta figuran ademais "incentivos fiscais" para sistemas de xeración térmica como "bombas de calor e caldeiras de biomasa" e para a "substitución de caldeiras de combustibles fósiles" por outras de enerxía renovable ou alternativas máis eficientes.

Tamén preconiza tomar medidas para "incentivar" entre os cidadáns o "desprazamento a pé, en bicicleta e a micromobilidade nas cidades" e por promover o transporte colectivo e de vehículo compartido.

O documento destaca, con todo, que en Galicia as centrais de "coxeración" de enerxía, que achegan electricidade e calor, son imprescindibles e avoga por manter esas instalacións que consomen combustibles fósiles.

Ademais apóstase por aproveitar os fondos europeos para poder establecer axudas encamiñadas a facilitar a adquisición de aparellos máis eficientes tanto de particulares como de pemes. A Xunta, que pide destinar fondos a campañas de concienciación, defende como unha das cuestións principais que as medidas de continxencia se expoñan como "obrigacións" só para as administracións públicas, "as primeiras que deben dar exemplo", e sexan "recomendacións" para as familias e empresas. 

A Xunta comprométese nese plan a ser eficiente no gasto de enerxía nos edificios públicos. De feito, na reunión do Consello da Xunta deste xoves, o presidente Alfonso Rueda, repasou as medidas adoptadas nos últimos anos desde a administración autonómica e puxo como o exemplo ese investimento de 135 millóns de euros. "Se lles pedimos un esforzo ás persoas, as administracións debemos ser os primeiros en dar exemplo", asegurou Rueda.

O presidente da Xunta tamén defendeu que as empresas galegas non sufran unha transición ecolóxica inxusta e que non se fagan medidas de "carácter ideolóxico". "Fagamos unha transición enerxética de forma planificada", concluíu Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar