Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comezan os traballos forenses para desenterrar 128 vítimas do Valle de Cuelgamuros

Comezan os traballos forenses para desenterrar 128 vítimas do Valle de Cuelgamuros

Comeza a intervención forense propiamente dita, que consistirá na procura e localización dos corpos

Acceso á basílica de Cuelgamuros (EFE/Fernando Villar)
G24.gal 12/06/2023 09:56

Os traballos forenses para desenterrar 128 vítimas do Valle de Cuelgamuros, (antigo Valle de los Caídos) comezan este luns coa procura de 18 corpos reclamados polos seus familiares situados na cripta da capela do Santo Sepulcro, no nivel 0.

Posteriormente continuarán os traballos nos niveis 1, 2, 3 e 4 da mesma capela en procura de 59 corpos reclamados, entre eles os dos irmáns Manuel e Antonio Ramiro Lapeña, naturais de Villarroya de la Sierra, Zaragoza, fusilados en 1936 polos franquistas.  Unha exhumación obrigatoria, cumprimento dunha sentenza xudicial de 2016.

E o resto, ata completar a procura dos 128 corpos, abordarase nunha segunda fase noutras capelas da basílica, informaron fontes do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

Na capela do Santo Sepulcro, onde están situados a maior parte dos corpos solicitados por familiares, os traballos faranse desde o piso inferior cara arriba para ir consolidando e esteando cada unha das cinco plantas onde hai enterramentos.

Estes traballos de exhumación teñen lugar "unha vez salvados todos os atrancos xurídicos, técnicos e de seguridade", segundo apuntan as mesmas fontes, que aseguran que se farán "nun acto de dignificación e de máximo respecto aos alí inhumados".

Os familiares foron notificados esta madrugada do inicio dos traballos forenses, segundo sinalou  o avogado de vítimas do franquismo Eduardo Ranz.

O Goberno renovou os traballos de exhumación o pasado mes de decembro cunha fase previa de acondicionamento que consistiu en habilitar os accesos aos columbarios, asegurar as estruturas arquitectónicas que o necesitasen e implementar os protocolos de seguridade laboral "para unha intervención desta complexidade", como explica o ministerio na notificación enviada aos familiares.

Este luns comeza a intervención forense propiamente dita, que consistirá na procura e localización dos corpos, ata onde sexa posible tecnicamente, e as correspondentes análises xenéticas que poidan dar lugar ás identificacións.

"Podemos garantir que os forenses que se farán cargo desta tarefa atópanse preparados e teñen unha grande experiencia contrastada neste tipo de investigacións. A intervención forense vaise desenvolver mediante protocolos recoñecidos internacionalmente e os laboratorios de referencia atópanse acreditados neste ámbito", subliña o ministerio na notificación.

Finalmente, terá lugar unha fase de acondicionamento dos columbarios, mellorando as instalacións e as condicións de conservación dos restos alí enterrados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade