Claudio sobre a renovación de Aspas: "Estamos felices, é único e irrepetible"
O técnico do Celta asegurou que quere "xogar a Europa League, rematar sextos e hai unha compensación económica para o club"
Claudio Giráldez compareceu en sala de prensa por última vez esta tempada. O técnico do Celta de Vigo espera poder pechar este sábado o billete da Europa League en Balaídos ante o Sevilla FC. Pódeo facer con Iago Aspas no once titular tras renovar o seu contrato por unha tempada máis antes de colgar as botas.
O adestrador desvelou como comunicou ao corpo técnico e ao vestiario que decidira seguir un ano máis en activo.
"Entrou pola porta esa de aí, estabamos preparando o vídeo e díxonolo, así de natural e espontáneo", sinalou Claudio Giráldez.
O adestrador confiaba nese desenlace.
"Eu tiña as miñas ideas por parte do club e foi todo nestes días. Fun optimista, eu nunca me imaxinei un Celta sen Iago a tempada que vén e fíxose efectivo e real".
Claudio Giráldez quixo poñer en valor a importancia que ten Iago Aspas no Celta a todos os niveis.
"Séguenos facendo vibrar, por iso esa alegría de todo o celtismo, de todo o mundo do fútbol que xa non é só unha cousa do Celta e dos seus compañeiros, do club, da prensa e de toda a xente que rodea a Iago porque é unha persoa única e un futbolista único e irrepetible".
O partido ante o Sevilla case quedou nun segundo plano.
"Queremos xogar a Europa League, rematar sextos, hai unha compensación económica para ou club. Temos unha débeda coa afección en casa"
Salvo Manu, todos os xogadores están en perfectas condicións.