Carvalhal achaca a súa saída do Celta a “diverxencias” co club
Carvalhal: “As cousas quedaron resoltas nun minuto, eu quería loitar por outros obxectivos”
O técnico portugués Carlos Carvalhal achacou a “diverxencias” cos directivos do Celta a súa saída do club, co que tiña contrato ata xuño de 2024:
“O que dixen é dar un paso á fronte, loitar por outros obxectivos, crear outro tipo de condicións e ter estabilidade no club para conseguir resultados. Iso acabou pesando na decisión final”, explicou o ex-entrenador celeste nunha entrevista á Radio e Televisión de Portugal (RTP).
Neste sentido, Carvalhal apuntou que rescindir o contrato era a mellor opción para ambas as partes porque había “diverxencias” sobre o proxecto deportivo do curso 2023-24:
“As cousas quedaron resoltas nun minuto, eu quería loitar por outros obxectivos”, reiterou o luso, quen cre que as portas do fútbol español quedan “abertas” polo seu bo traballo en Balaídos.
“Tivemos un comezo moi difícil porque o equipo viña de 5 ou 6 derrotas consecutivas. Conseguimos darlle solidez ao equipo, e despois do Mundial xa se viu o Celta que queriamos”, destacou.
De momento, o asesor deportivo do Celta, Luís Campos, segue buscando no mercado un substituto para o seu compatriota.