Mouriño cre que Luís Campos "dará uns resultados extraordinarios"
"Nós sós non poderiamos pagalo. Compartirémolo con tres equipos de Europa"
Mouriño prefire "dez anos en Primeira División que un xogando unha competición europea"
O presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño, considera que a incorporación de Luís Campos como asesor deportivo externo dará "uns resultados extraordinarios" ao seu club.
"Creo que chegamos a unha boa solución que é compartir tres equipos de Europa totalmente diferentes, con posibilidades diferentes, ao mesmo director técnico. Vai dar resultados extraordinarios", destacou.
Durante a súa intervención no Foro Efe Sport Business 'A industria do deporte en Galicia' celebrado en Madrid, o máximo accionista do Celta sinalou que este "novo" cargo era a única posibilidade existente para incorporar a un director deportivo do "prestixio" de Campos.
"Non podiamos telo nós unicamente. Volveriamos caer nesa ilusión de facer un gran equipo pero poñendo en risco a economía do club", afirmou.
Mouriño desexa que o Celta volva competir en Europa a curto prazo, pero ten claro que prefire "dez anos en Primeira División que un xogando unha competición europea".
"A próxima tempada, que a dou por feito, vai ser a undécima consecutiva en Primeira División. Só hai 8 equipos en Primeira que levarían 10 anos seguidos. Esa é a importancia que ten o proxecto. A partir de aí toda a ambición do mundo pero sabendo o orzamento que temos", subliñou.