Boris Johnson prohibe o alcol na sede do executivo
Inicia unha operación de limpeza para tentar acabar co 'partygate' e frear a revolta política no país
No Reino Unido, Boris Johnson move ficha ante o desgaste político que lle están a provocar o escándalo das festas en Downing Street en plenas restricións. O primeiro ministro británico prohibirá o alcol na sede do executivo.
Boris Johnson está a iniciar unha operación de limpeza para intentar acabar co chamado 'partygate' e tentar frear a revolta política e popular en que se está a ver envolto cunha caída da
popularidade de ata o 22 %.
Despois das desculpas da semana pasada, a última das decisións que parece tomará o primeiro ministro será a de prohibir o alcol nas dependencias do Goberno no que a prensa inglesa chama xa a imposición da “lei seca”.
Por outra banda, espéranse ademais despedimentos dentro do seu círculo máis próximo de asesores por ser considerados os incitadores das nomeadas festas que parecen non ter fin.
A última delas, que acaba de saír á luz, a décima, celebraríase en Downing Street no Nadal de 2020 e trataríase da despedida dun dos seus asesores.
Segundo a prensa, Boris Johnson participou ofrecendo ademais un discurso, pero o seu círculo alega que só participou para agradecer os servizos do seu traballador e que, de novo, pensaba que se trataba dun evento "estritamente de traballo”.