Bachmann será o porteiro que substitúa a Helton no cadro coruñés
Ten 31 anos, é internacional austríaco e chega cedido polo Watford da Segunda División inglesa
Desenlace sorprendente na portería do Deportivo. As condicións que poñía o Sevilla para a fichaxe de Álvaro Fernández foron inasumibles para o cadro coruñés e as olladas marcharon cara a outros obxectivos. Chega á Coruña Daniel Bachmann, porteiro austríaco de 31 anos que desenvolveu case toda a súa traxectoria nas Illas Británicas.
Chega procedente do Watford mediante unha cesión sen opción de compra obrigatoria. Foi internacional con Austria e ten experiencia. Iso si, debe adaptarse a unha competición moi diferente en tempo récord, pois en menos dunha semana comeza o campionato.
En 2011, con 18 anos, marchou a xogar ás categorías inferiores do Stoke City. Desde entón pasou por varios equipos de Inglaterra -Wrexham, Bury- e Escocia -Ross County, Kilmarnock- ata que en 2017 asinou no Watford. Alí estivo ininterrompidamente desde o ano 2019. Ten ás súas costas doce partidos na Premier League (campaña 21-22), pero onde estivo xogando máis tempo foi na segunda categoría.