Aumenta o número de consumidores que buscan asesores de imaxe
Dúas emprendedoras de Vigo ofrecen servizos de asesoría para saber que pezas mercar e sacarlles o máximo proveito
Comezan cun estudo para saber que cores favorecen máis ou que pezas se adaptan mellor á figura
Hai catro anos que Yael e Patricia crearon a súa asesoría de imaxe, e o nome que escolleron dá idea da súa filosofía: "Sempre hai algo que poñer".
Yael Rodríguez explica algunhas das vantaxes de contratar os seus servizos: "Aforran comprando roupa, tempo e van coa imaxe que queren proxectar. Dámoslles unha visión máis obxectiva de que non vai fallar co que levan".
Buscar as cores que máis favorecen a cada pel é o primeiro paso. Patricia Rico destaca que "nas nosas características temos una serie de cores que empastan ben con outras cores á hora de escoler a roupa, na maquillaxe na cor de cabelo... por iso facemos un test de cor".
Tamén saber recoñecer a silueta de cada un e dar coas pezas que mellor se axustan. Non se trata só de comprar, senón de tirar proveito das pezas que xa temos. Así define Patricia o seu servizo de análise de armario: "Intentamos que ás pezas que xa teñan no armario poidan sacarlles o máximo partido. Propoñemos novas combinacións, facéndolles fotos para que teñan ese recurso".
A maioría da súa clientela vén recomendada por quen xa coñece os seus servizos, tanto na procura de roupa para traballar como para celebracións.