Atopan uns 500 quilos de cocaína na estrutura dun dos contedores do Izmit Express descargados en Vigo
Atopan uns 500 quilos de cocaína na estrutura dun dos contedores do Izmit Express descargados en Vigo
Atopan uns 500 quilos de cocaína na estrutura dun dos contedores do Izmit Express descargados en Vigo
A droga detectouse durante o escaneamento dos 100 contedores do barco en que xa atoparan 23 quilos de cocaína hai dúas semanas
Axentes de Aduanas acharon en Vigo uns 500 quilos de cocaína na estrutura dun dos contedores pendentes de revisión do buque Izmit Express, en cuxas adegas se atoparon máis de 23 quilos de droga escondidos en puntos "inaccesibles".
Segundo fontes coñecedoras da investigación, para rexistrar o barco descargáronse no porto os máis de 100 contedores que contiña.
Os máis de 500 quilos de cocaína localizados 'viaxaban' ocultos nun dobre fondo, e ditribuídos en 432 paquetes, segundo confirmou este mércores o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Losada explicou que o achado produciuse este martes, no marco das operacións de inspección levadas a cabo por Garda Civil e Vixilancia Aduaneira, dos contedores que transportaba o buque e que foron descargados na terminal viguesa tras un primeiro achado, o 19 de novembro pasado, de algo máis de 23 quilos de cocaína.
Precisamente, no marco dos labores de inspección deses contedores, este martes un deles, cargado con banana, levantou as sospeitas ao ser sometido ao escáner do Posto de Inspección Fronteiriza (PIF) do Porto de Vigo.
Tras abrir o compartimento, atopouse un dobre fondo e as primeiras probas do 'narcotest' apuntaron á presenza de cocaína. Posteriormente, e coas ferramentas adecuadas, recortouse esa zona do contedor e confirmouse o achado: 432 paquetes cun total de 520 quilos de droga.
O subdelegado do Goberno sinalou que "quedan moi poucos contedores por revisar", e todo indica, aínda que coas reservas necesarias, que se pode dar por finalizada esta operación, no que respecta ao Porto de Vigo. Así mesmo, Abel Losada quixo, unha vez máis, felicitar aos efectivos de Vixilancia Aduaneira e de Garda Civil "polo excelente traballo realizado".
"Achado importante"
Na mesma liña, o delegado o Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en declaracións aos medios nun acto no Pino (A Coruña), subliñou que este foi "un achado importante" e que evidencia a "preocupación constante e permanente" na loita contra o narcotráfico.
"En grandes alixos como este, pero tamén no 'menudeo'", incidiu.
Pedro Blanco tamén agradeceu o seu labor a Aduanas, á Garda Civil e o resto de forzas e corpos de seguridade na loita contra esta "secuela", e sinalou que a investigación segue aberta, polo que non se descartan novidades en próximos días.