Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ascenden a 67 os corpos recuperados na costa de Ceuta dende o xoves

Ascenden a 67 os corpos recuperados na costa de Ceuta dende o xoves

Marlaska destaca que "en 24 horas" reverteuse a crise migratoria na cidade autónoma

Reabren a fronteira de Melilla onde estaban bloqueados uns 600 vehículos

Miles de persoas cruzaron a nado ata Ceuta dende o xoves. EFE/Reduan Dris.
G24.gal 01/08/2026 11:22 Última actualización 01/08/2026 15:32

O número de cadáveres recuperados na costa de Ceuta tras a entrada masiva de persoas nos últimos días ascende a 67, segundo confirmou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

A Garda Civil mantén un rastrexo constante para localizar máis persoas falecidas na zona próxima ao espigón fronteirizo do Tarajal, por onde cruzaron a nado ata Ceuta miles de persoas desde o pasado xoves.

Ante o aumento do número de corpos recuperados, habilitouse un espazo no porto ceutí para acollelos á espera da súa identificación. Nestes labores van participar axentes especializados e forenses procedentes da península.

Mentres, a fronteira entre a cidade autónoma e a localidade marroquí de Fnideq recupera pouco a pouco a normalidade tras unha crise sen precedentes.

EFE/Reduan Dris EFE/Reduan Dris

Reverteuse a situación "en 24 horas"

O ministro do Interior asegurou que "en 24 horas" se reverteu a situación creada pola entrada irregular de máis de 60.000 persoas en Ceuta e que a cidade autónoma está a recuperar a normalidade.

Nunha comparecencia tras reunirse co delegado do Goberno na cidade autónoma, Miguel Ángel Pérez, e con mandos da Policía Nacional e da Garda Civil, tamén subliñou a colaboración coas autoridades marroquís.

Do mesmo xeito, Fernando Grande-Marlaska considerou "moi difícil" que outros países puideran facer fronte a unha situación coma esta "coa mesma eficacia".

Criticou a posición "egoísta, insolidaria e pouco responsable" dalgúns países nesta crise e lembrou que España actuou doutro xeito noutras situacións como a das fronteiras da Europa do Leste en 2021 ou Lampedusa (Italia) en 2023.

Barreira de contención na praia de Ceuta. EFE/Reduan. Barreira de contención na praia de Ceuta. EFE/Reduan.

Volta á normalidade

A principal vía de acceso do centro de Fnideq ao paso fronteirizo amenceu blindada polas forzas de seguridade marroquís que cortan o tránsito aos vehículos a uns dous quilómetros da fronteira.

Os enfrontamentos que se rexistraron o venres entre persoas migrantes e policía converteron esta zona no escenario dunha batalla campal que deixou autobuses e coches queimados e sementou a estrada de entullos e lixo.

Os servizos de limpeza, arroupados por escavadoras, traballan para despexar a vía, que corre paralela á costa. No entanto, é posible alcanzar a fronteira en coche por un acceso alternativo.

O despregamento policial é evidente tamén nos outeiros próximos ao paso fronteirizo, onde grupos violentos atrincheiráronse o venres e protagonizaron os graves enfrontamentos coa policía marroquí.

En contraste co exhaustivo control terrestre, as forzas que vixían o acceso ás augas ceutíes pola costa non están a impedir un goteo intermitente de decenas de persoas que aínda hoxe tentan cruzar a nado.

Forzas auxiliares marroquís impiden a chegada ao espigón. EFE/Reduan Forzas auxiliares marroquís impiden a chegada ao espigón. EFE/Reduan

Total hermetismo

A normalidade volveu tamén a Fnideq, que o venres se paralizou polo regreso das 60.000 persoas que entraran de xeito irregular. Decenas de autobuses facilitan agora o retorno ás súas cidades de orixe.

Marrocos mantén un total hermetismo sobre o balance da traxedia, aínda que medios locais falan de 17 vítimas no seu territorio, entre elas unha menor de 12 anos, unha futbolista dun equipo local e varios cidadáns subsaharianos que morrerían afogados.

Do  mesmo xeito, faleceu un home que se precipitou ao baleiro durante os enfrontamentos coa policía e o chofer dun autobús incendiado durante a refrega.

O paso fronteirizo de Beni-Enzar. EFE/Giner O paso fronteirizo de Beni-Enzar. EFE/Giner

Apertura do paso en Melilla

O paso fronteirizo de Beni-Enzar, único operativo entre España e Marrocos en Melilla, reabriu este sábado as súas portas tras 36 horas de peche pola presión migratoria na cidade autónoma.

A reapertura, que se iniciou ás 10:30 horas, estase a facer en grupos de 20 para garantir a seguridade. O paso dos primeiros vehículos celebrouse con aplausos e co son das bucinas.

Uns 600 coches, da operación Paso do Estreito, levaban bloquedados na fronteira dende a noite do xoves. Nas vindeiras horas tentarán desatascar a circulación neste punto en varias fases.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade