As primeiras neves do ano chegan este domingo á montaña galega
A masa de aire frío polar será máis evidente a partir do martes
Unha masa de aire frío polar arrefriará de cheo Galicia a semana que vén.
A noite do sábado ao domingo imos ter un adianto do inverno. Daquela, Galicia vai notar unha primeira entrada de aire frío que será máis evidente a partir do martes.
Polo de pronto, a fin de semana nevará arredor dos 800 metros. As montañas de Lugo e de Ourense poden amencer con 5 centímetros de neve, como nos adianta María Souto de Meteogalicia.
"Vai ser moi rápido, ao mellor o domingo pola mañá cando nos ergamos, en cotas arredor dos 800 metros, que é relativamente baixa, podemos ver unhas cantas folerpas. Vanse desfacer moi pronto porque o vento volverá soprar do sur. A partir do martes e ata o sábado imos estar falando de precipitacións en forma de neve"
Na rúa parece que hai ganas de cambiar o paraugas polo abrigo e quen debece polos días de sofá e manta. Pero todos coinciden en que é época de que chegue o frío.
Levamos tanto tempo con temperaturas cálidas que case esqueceramos que estamos en pleno inverno.