As perdas pola seca na Limia poden chegar ao 50 % na produción de cereal
A boa colleita do trigo sementado no inverno, acompañado de prezos altos, podería compensar esas perdas
Os agricultores da Limia están comezando estes días a recoller o trigo sementado na primavera, levan un pouco máis do 20 % segado pero xa ven que a colleita este ano vai ser escasa. A seca e as altas temperaturas danaron a evolución do gran e falan de perdas de ata máis do 50 %.
Nos almacéns comezan a recoller o primeiro trigo tremesiño, o que se planta entre marzo e maio. Cunha menor produción e a escaseza derivada da guerra entre a Ucraína e Rusia, os prezos elévanse este ano ata rozar os 40 céntimos o quilo, o dobre do que viñan pagando nas últimas décadas.
As perdas na produción no trigo de primavera compénsanas coa boa colleita e bos prezos tamén que tiveron no trigo sementado no inverno e que xa está practicamente recollido. Con 13.000 hectáreas sementadas, a comarca ourensá da Limia é a maior produtora de cereal: trigo, centeo e cebada de Galicia.