As mortes por covid caeron un 34 % en 2021 con respecto ao primeiro ano de pandemia
A pesar do descenso, durante o ano pasado o coronavirus mantívose como causa máis frecuente de morte en España
Un total de 39.444 persoas faleceron no ano 2021 no Estado español por coronavirus e outras 20.915 morreron por esa causa no primeiro semestre deste ano, uns datos que supoñen un descenso do 34,6 por cento con respecto ao 2020 e un 28 por cento menos que no mesmo período de 2021, respectivamente.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este luns os datos definitivos das defuncións segundo a causa de morte do ano 2021 e os provisionais do primeiro semestre de 2022, que recolle que se produciron en España 450.744 defuncións en 2021, 43.032 menos que o ano anterior (un 8,7 % menos).
Con todo, as defuncións creceron no primeiro semestre de 2022 un 2 % con respecto ao mesmo período do ano anterior: morreron 4.690 persoas máis, ata chegar ás 235.248 defuncións nos primeiros seis meses deste ano.
A pandemia mantense como causa máis frecuente de morte
A covid-19 foi a causa de morte máis frecuente no ano 2021, con 39.444 defuncións e unha taxa de 83,3 por cada 100.000 habitantes. Tamén o foi no primeiro semestre deste ano, con 20.915 persoas falecidas.
En 2021, a segunda causa máis frecuente de morte foron as enfermidades isquémicas de corazón, con 28.852 defuncións e unha taxa de 61,0; a terceira, as enfermidades cerebrovasculares, con 24.858 falecidos.
En 2021, a mortalidade descendeu entre os menores dun ano e nos maiores de 40, pero houbo un 11,2 % máis falecidos de entre 1 e 14 anos: foron en total 574 fronte aos 516 do ano anterior.
A tendencia mantense e tamén no primeiro semestre deste ano creceron nun 16,8 por cento os falecementos no grupo de idade de entre 1 a 14 anos.