Publicador de contidos

Publicador de contidos

As asociacións de consumidores avisan: "Unha viaxe de ocio non exime de ir a unha mesa electoral"

As asociacións de consumidores avisan: "Unha viaxe de ocio non exime de ir a unha mesa electoral"

A contratación dunha viaxe de vacacións non eximiría per se da obriga de integrar unha mesa electoral nuns comicios

Os consumidores temos sete días dende que recibimos a notificación para alegar ante a Xunta Electoral de Zona

O 1 de xullo é a data límite para recibir a designación como membros dunha mesa

G24.gal 03/06/2023 11:21 Última actualización 03/06/2023 12:32

A asociación de consumidores de Galicia advirte de que temos que ter claro que o cumprimento do deber de acudir a formar parte dunha mesa electoral é inescusable.

"Polo tanto, a posibilidade de alegar o feito de ter contratadas unhas vacacións ou algún tipo de xuntanza familiar ou unha viaxe non vai ser causa que nos permita eximirnos da obriga legal. Así, aínda que é certo que nalgunha circunstancia particular poderiamos dirixirnos á Xunta Electoral de Zona para facer a oportuna consulta sobre o noso caso particular, en principio, a regra xeral vai considerar que non sería causa suficiente. De feito, marchar de vacacións ou ter unha viaxe programada non é unha circunstancia que se poida considerar de forza maior", destacaba Miguel López, da Asociación de Consumidores de Galicia no espazo 'Bos días' da TVG.

Pero as organizacións de defensa dos consumidores cren que se podería dicir o contrario se expoñemos a posibilidade de se poderiamos ou non cancelar a nosa viaxe como resultado da chamada a integrar unha mesa o 23 de xullo.

"Efectivamente, neste caso si podemos falar dunha circunstancia de forza maior, xa que formar parte dunha mea electoral é unha obriga de todos e todas as cidadáns e polo tanto ese deber inescusable si poderemos poñelo sobre a mesa como circunstancia que nos permita solicitar unha cancelación ou anulación da viaxe", asevera Miguel López.

En todo caso desde as organizacións de consumidores avisan de que cada caso é particular e que aínda que en xeral a resposta da Administración pode ser negativa para eximirnos de acudir a unha mesa, podemos dirixirnos á Xunta Electoral para que estude o noso caso concreto se concorren circunstancias excepcionais.

"Existen razóns de traballo, profesionais, de saúde ou algúns desprazamentos que a Xunta Electoral pode aceptar", di Miguel López.

As organizacións de defensa dos consumidores lembran que non presentarse a unha mesa na xornada electoral castígase con sancións económicas e de prisión. Para evitar problemas insisten en que calquera reclamación debe de facerse o máis axiña posible.

"No caso de dirixirnos a axencias de viaxes, establecementos hostaleiros ou empresas de transportes, se contratamos a viaxe con elas, hai que ter en conta os prazos de cancelación. Canto máis tempo tardemos e comunicar a decisión, as posibilidades de recuperar os nosos cartos complícanse. Se concorre unha circunstancia de forza maior sempre podemos recuperar o noso diñeiro. Tamén se pode negociar, tendo en conta que o proceso electoral é dun día, podemos cambiar a data de entrada ou saída e non saír prexudicados. Iso si, se decidimos cancelar sería aconsellable facelo o máis axiña posible".

Aconsellan revisar e aplicar os seguros que teñamos, xa que as pólizas inclúen as circunstancias de forza maior e a convocatoria a unha mesa estaría nesa categoría.

"Non é unha decisión do consumidor ou da súa familia o non poder viaxar, pero podemos atopar que as empresas amosan reticencia para aplicar os beneficios de anulación á unidade familiar. Pero as organizacións de defensas dos consumidores temos resolucións que inclúen que a circunstancia non lle afecta só á persoa designada, senón a toda a unidade familiar que contratou o paquete vacacional", asegura Miguel López.

Asegura a Unión de Consumidores de Galicia que houbo moitas consultas nos primeiros momentos tras a convocatoria electoral, pero que xa diminuíron e que ademais Galicia xa tivo unha experiencia recente dunhas eleccións no verán.

Tamén destacan a excepcional resposta do sector turístico galego, que anunciou que está á disposición dos usuarios que tivesen unha viaxe contratada para buscar unha solución o máis áxil posible e estudar alternativas que non teñan que consistir na cancelación dos plans previstos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade