Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aragonès ve a amnistía como "punto de partida" e promete: "Cataluña votará en referendo"

Aragonès ve a amnistía como "punto de partida" e promete: "Cataluña votará en referendo"

O presidente da Generalitat non queda para escoitar o resto de presidentes autonómicos e di que "o obxectivo real desta sesión non é outro que volver utilizar Cataluña para as batallas partidistas"

Era a primeira ocasión en que un presidente catalán acudía ao Senado, a un foro multilateral, despois de que esta cámara aprobara no ano 2017 a aplicación do artigo 155 da Constitución

G24.gal 19/10/2023 08:10 Última actualización 19/10/2023 14:49

O presidente catalán, Pere Aragonès, afirmou este xoves que a amnistía é "imprescindible" como "punto de partida" para a resolución do "conflito político" entre Cataluña e o Estado, e garantiu: "Cataluña votará nun referendo".

"Cataluña votará nun referendo, estou convencido. Por vontade, por perseveranza, por democracia. Sempre coa man tendida e sempre coas mans libres", recalcou ao final do seu discurso, integramente en catalán, tras o que, como anunciara, abandonou o antigo salón de plenos do Senado sen esperar apenas ao aplauso dos seus e sen facer declaracións.

Aragonès, que antes de iniciarse a sesión saudou o presidente do Senado, Pedro Rollán, arrincou a súa intervención recriminando ao PP a súa "utilización partidista de Cataluña".

"O obxectivo real desta sesión non é outro que volver utilizar Cataluña para as batallas partidistas a nivel do Estado español, enxurrar unha vez máis o anticatalanismo para desgastar o adversario. Goberne quen goberne, sempre se utiliza Cataluña para rabuñar catro votos", denunciou.

Segundo Aragonès, ao PP "non lle importa o que pense Cataluña" porque pola contra convocaría un debate para falar sobre o "déficit fiscal" catalán, ou o "mal servizo dos trens de proximidade", ou a "anulación de leis catalás por parte do Tribunal Constitucional", ou para "promover a lingua catalá".

O president recalcou que, a pesar do que sostén a "dereita nacionalista española", Cataluña é "unha nación europea, cívica, democrática" que "quere decidir en paz, en liberdade, entre todas as opcións, con democracia e con recoñecemento".

Para Aragonès, unha amnistía para os procesados polo procés é "imprescindible para avanzar na resolución do conflito político" e "acabar coa causa xeral contra o independentismo".

Iso si, advertiu, a amnistía é "un punto de partida", non "un punto e final" dun proceso que, ao seu xuízo, "ten un destino: que a cidadanía de Cataluña vote sobre a independencia".

Aragonès subliñou que a súa vontade é acordar un "referendo como o que se realizou en Escocia" en 2014, pactado entre as autoridades escocesas e o Goberno británico.

Así mesmo, a quen "se escandaliza" por unha amnistía aos independentistas procesados, lembroulles "os 6.000 indultos" que tanto o Goberno de Felipe González como o de José María Aznar concederon no seu día, entre outros, a "condenados por corrupción ou terrorismo de Estado", e evocou a lei de amnistía de 1977, que "impide investigar os crimes de sangue da ditadura". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade