Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ana Belén Vázquez, PP: "Non sabemos por que Marlaska e Sánchez están tapando a actuación salvaxe de Marrocos en territorio español"

Ana Belén Vázquez, PP: "Non sabemos por que Marlaska e Sánchez están tapando a actuación salvaxe de Marrocos en territorio español"

 O PP asegura que o Goberno está "ocultando datos que poñen en dúbida a actuación da Garda Civil"

O PP non desbota apoiar a creación dunha comisión de investigación sobre o sucedido en xuño no paso fronteirizo de Melilla

Imaxe de arquivo da avalancha no valado de Melilla
G24.gal 01/12/2022 09:30

O Partido Popular asegura que a avalancha mortal rexistrada o pasado mes de xuño no paso fronteirizo de Melilla se produciu en territorio español e responsabiliza as autoridades marroquís do sucedido.
 
Indicouno no GxD da Radio Galega a secretaria nacional de interior do PP Ana Belén Vázquez, que visitou hai unhas semanas a zona xunto a un grupo de deputados que integran a Comisión de Interior do Congreso.

"Sabemos como é o paso. É un paso fronteirizo custodiado pola Policía Nacional. Non pode seguir mentindo o ministro".

Vázquez denuncia o comportamento neglixente, di, das forzas de seguridade magrebís e nega calquera responsabilidade da Garda Civil. Asegura que no momento en que se produciu a avalancha había no lugar cinco axentes da Benemérita que decidiron repregarse despois de que os migrantes "empezaran a tirarlles pedras" e que a zona quedou custodiada polas forzas de seguridade marroquís.

"A Garda Civil non estivo nunca dentro. O paso fronteirizo estaba controlado só polas forzas de seguridade de Marrocos e mesmo polo exército. Cando nos din que ninguén de Marrocos interveu no Estado español mentiu. Estiveron en España".

A deputada do PP acusa o Goberno de tentar tapar a actuación "salvaxe" de Marrocos e bótalle en cara ao presidente Pedro Sánchez e ao ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska que defenderan no seu día a intervención realizada polas forzas de seguridade dese país.

"Non sabemos por que Marlaska e Sánchez están tapando a actuación salvaxe de Marrocos en territorio español e ocultando datos que poñen en dúbida a actuación da Garda Civil".

O PP afirma que non vai permitir que involucren a Garda Civil no sucedido. Ao seu xuízo, aquel día tivo unha actitude "proporcional e correcta". Os populares non desbotan apoiar a creación dunha Comisión de Investigación parlamentaria no Congreso.

"Estamos analizando os datos porque vemos que hai un troque de cromos. Ti non me tocas a ministra Montero e vós non me tocades a Marlaska. Temos que sumar os números. Se suman temos esa alternativa enriba da mesa. Pero hai máis. Depende da decisión de Podemos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade