Abegondo abandeira o xiro de tendencia do Deportivo
O regreso de Yeremay logo da lesión e a presenza de Mella no equipo titular déronlle outro aire ao equipo de Idiakez
Se unha sensación transmitiu o Deportivo esta última xornada en Riazor foi a de superioridade. Os coruñeses derrotaron o Fuenlabrada por catro goles a un xogando cun home menos dende o minuto 24. E desde o 15 xa mandaban no marcador por 2-0. Por primeira vez esta temporada, o equipo encadea tres triunfos consecutivos. O Deportivo é quinto con 38 puntos, os mesmos que o Celta Fortuna.
O Deportivo disputou en xaneiro catro partidos e sumou tres vitorias, as tres contra rivais directos da zona nobre da clasificación: Ponferradina, Celta Fortuna e Real Sociedade B. Só perdeu ante a Cultural Leonesa. O equipo ofrece boas sensacións e estende a boa xeira a febreiro.
Cando perdeu ante a Cultural en León, alá pola xornada 19, o Deportivo estaba a dez puntos do líder, a Ponferradina. Dende este domingo está a cinco. As dúas próximas xornadas visita o Logroñés, penúltimo na liga, e recibe o Tarazona, décimo quinto na táboa. De primeiras, unha grande oportunidade para consolidar este xiro de tendencia.