Publicador de contidos

Publicador de contidos

O vídeo en que Ábalos pide non ir a prisión e dille o xuiz que puido fugarse e non o fixo: "Non teño onde ir"

O vídeo en que Ábalos pide non ir a prisión e dille o xuiz que puido fugarse e non o fixo: "Non teño onde ir"

O xuíz decretou o seu ingreso en prisión ao considerar que existía risco de fuga

O exministro criticou que as acusacións e mesmo a unidade investigadora chegasen a "dicir" que dispoñía dun inmoble no estranxeiro. "Non teño onde ir, non teño segunda residencia"

G24.gal 24/02/2026 20:00 Última actualización 24/02/2026 20:54

O exministro de Transportes José Luis Ábalos pediu ao maxistrado do Tribunal Supremo Leopoldo Puente que non o enviase a prisión preventiva asegurando que tivo "moitísimas oportunidades" de fuxir e non o fixo. "Non teño onde ir, en ningures do mundo. Non fixen ningún intento", engadiu.

Así se desprende da declaración prestada por Ábalos o pasado mes de novembro na que o ex dirixente socialista realizou unha última alegación ante o instrutor, que ese mesmo día decretou o seu ingreso en prisión ao considerar que existía risco de fuga ante a proximidade do xuízo na súa contra por presuntos amaños nos contratos públicos para a compra de material sanitario.

Ábalos tomou a palabra despois de que tanto a Fiscalía Anticorrupción como as acusacións populares lideradas polo PP solicitaran ao maxistrado que o enviase tanto a el como ao seu exasesor Koldo García ao cárcere polo elevado risco de fuga, apuntando á elevada petición de penas ás que se enfrontan: ata 30 anos de cárcere.

"Sigo mantendo a miña inocencia. Xa sei que non é crible, pero ese afán por demostrala fai que permaneza no meu país. Ese afán é o que me fai estar aquí, defendéndome. Non me podo defender fóra. Se se me quere expor algún escarmento ou unha pena anticipada, se ese é o propósito, pódoo entender, pero humanamente non o entendo. Non fixen ningún intento. Non teño onde ir. Saben perfectamente cales son os meus medios de vida", asegurou.

O que fóra ministro de Transportes afirmou que todo o mundo coñecía cales eran os seus ingresos e en que os gastaba. "Coñécese todo. Se quixese fuxir tiven moitísimas oportunidades. Pero non lle pedín un só permiso para saír de España para gozar dunhas vacacións cos meus fillos, aos que llas neguei", engadiu.

Ábalos escudouse na súa condición por aquel entón de deputado para xustificar o seu arraigamento. "Estou todas as semanas no Congreso, e cando non, vivo na práctica un arresto domiciliario en casa, de onde non saio porque teño presenza mediática día e noite como unha actuación parapolicial", lamentou.

Ademais, o exministro criticou que as acusacións e mesmo a unidade investigadora chegasen a "dicir" que dispoñía dun inmoble no estranxeiro. "Non teño onde ir, non teño segunda residencia. Despois desta semana en que se me dixo que podía ir a prisión, estou aquí", apostilou.

O seu entón avogado, o exfiscal Carlos Bautista, incidiu en que non había risco de fuga e suxeriu que o que as acusacións estaban a buscar era unha sorte de "declaración colaborativa" que se vise "favorecida pola estancia" de Ábalos en prisión.

"De forma que cheguemos a xuízo cativos e desarmados e teñamos que aceptar o que se nos ofreza. Esa forma de facer é inaceptable nesta sala. É unha práctica deleznable", criticou.

Koldo García, pola súa banda, pediu ao maxistrado que entendese que "todos" teñen "dereito a aprender día a día e aos poucos". "O único que podo dicir é que non vou a ir a ningunha parte", sinalou.

 

A pesar das alegacións dos investigados, o maxistrado ditou dúas resolucións nas que detallaba os "tres fitos" que o empuxaban a envialos a prisión: que xa propuxo xulgalos, ante "os consistentes indicios" de que cometeron graves delitos; "a extensión das penas solicitadas", que "resulta tan relevante que se comenta por si soa"; e a proximidade do xuízo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade