Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ábalos, de home de confianza de Pedro Sánchez a prisión en tan só oito anos

Ábalos, de home de confianza de Pedro Sánchez a prisión en tan só oito anos

O deputado socialista estivo case unha década no primeiro plano político, catro anos na cúpula do PSOE como man dereita de Pedro Sánchez e outros tres en Moncloa, de onde saíu de forma abrupta en 2021 

O ministro de Fomento José Luis Ábalos canda o presidente do Goberno Pedro Sánchez nunha sesion de control celebrada no Congreso en outubro de 2018 (Marta Fernández/Europa Press/Arquivo) O ministro de Fomento José Luis Ábalos canda o presidente do Goberno Pedro Sánchez nunha sesion de control celebrada no Congreso en outubro de 2018 (Marta Fernández/Europa Press/Arquivo)
G24.gal 28/11/2025 08:33

O exministro José Luis Ábalos Meco, cuxo ingreso en prisión provisional foi ordenado este xoves polo instrutor do caso Koldo no Tribunal Supremo, estivo case unha década no primeiro plano político, os primeiros anos instalado na cúpula do PSOE como man dereita de Pedro Sánchez desde 2017 e os outros cinco anos nun declive progresivo que empezou coa súa abrupta saída do Goberno en 2021 e acabou coa súa expulsión do Grupo Socialista en 2024 tras a detención do seu asistente Koldo García.

Nacido en Torrente (Valencia) hai case 66 anos e fillo do toureiro Heliodoro Ábalos, Carbonerito, José Luis Ábalos desempeñou distintos cargos no PSPV de Valencia e da Comunidade, mesmo se presentou á Secretaría Xeral dos socialistas valencianos no 2000 e foi derrotado.

O seu salto á política nacional iníciase en decembro de 2016, cando presentou, nunha reducida comparecencia de prensa nun hotel madrileño, a candidatura de Pedro Sánchez para volver liderar o partido tras a crise do "Non é non". Sánchez, que gañara as súas primeiras eleccións primarias en 2014 tras a dimisión de Alfredo Pérez Rubalcaba, renunciou ao liderado do partido en novembro de 2016 ao negarse a absterse ante a investidura de Mariano Rajoy e abriu o paso a unha xestora que convocou un proceso de primarias.

Xefe de campaña de Sánchez

Ábalos, que era deputado do Congreso desde 2009, encargouse de recoller os avais para a candidatura de Sánchez e acompañouno nas súas viaxes por estrada no famoso Peugeot. Nas primarias, o político madrileño impúxose á favorita da vella garda, a andaluza Susana Díaz, e ao terceiro candidato en liza, o seu actual portavoz parlamentario Patxi López.

No congreso posterior, o reelixido secretario xeral do PSOE premiou os seus xefes de campaña na súa nova Executiva Federal: Adriana Lastra foi designada vicesecretaria xeral e Ábalos foi nomeado secretario de Organización, o cal o colocaba como número tres do partido en 2017.

Pouco máis dun ano despois, o 31 de maio de 2018, Ábalos foi o encargado de presentar ante o Pleno do Congreso a candidatura de Pedro Sánchez para a moción de censura contra Mariano Rajoy tras a sentenza de Gürtel. E tras ser designado presidente do Goberno, Sánchez volveu promover o seu escudeiro valenciano, esta vez como ministro de Fomento do seu primeiro Goberno, un dos departamentos máis lucidos dado o seu orzamento de investimentos e obras públicas

Cesado da noite para a mañá

Foron anos sentado no reducido núcleo de confianza de Pedro Sánchez, tanto no partido como no Goberno, ata que, en xullo de 2021, Ábalos foi cesado sen apenas explicacións. O presidente só dixo que era o momento de abrir unha nova etapa e veu negando que xa houbese sinais de malos comportamentos con mulleres ou co diñeiro público por parte do seu estreito colaborador.

Á vez, Ábalos deixou a Secretaría de Organización do PSOE en favor de Santos Cerdán, outro dos colaboradores de Sánchez, que tamén pasou uns meses en prisión preventiva polo caso Koldo. O exministro e exsecretario de Organización tívose que conformar con presidir unha comisión do Congreso, aínda que polo menos Pedro Sánchez o mantivo nas listas do PSOE nas eleccións de xullo de 2023.

Ferraz dállle as costas

Pero en febreiro de 2024, tras a detención de Koldo García, Ábalos foi sinalado pola dirección do PSOE, que lle esixiu a súa renuncia á acta ante a gravidade das informacións en contra do seu asesor. O exdirixente socialista rebelouse e negouse a dimitir, polo cal foi expulsado do Grupo Socialista e recalou no Grupo Mixto.

A investigación xudicial foi avanzando e a principios deste ano o Congreso concedeu o suplicatorio ao Tribunal Supremo para indagar sobre Ábalos. Non houbo nin un voto en contra. Meses despois, a Fiscalía Anticorrupción colocaba o exministro como xefe da presunta trama de máscaras integrada polo exasesor ministerial Koldo García e o empresario Víctor de Aldama e padía para el 24 anos de cárcere e o seu ingreso en prisión provisional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade