Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xustiza gala autoriza a entrega a España de Josu Ternera para xulgalo como suposto xefe da ETA

A xustiza gala autoriza a entrega a España de Josu Ternera para xulgalo como suposto xefe da ETA

A entrega queda diferida en espera de que se resolva o último caso aberto contra Ternera en Francia, e que vai dar lugar a unha sentenza que se ditará en xullo 

De ser condenado por liderar a banda terrorista podería ter que cumprir unha pena de 15 anos

Josu Ternera. Europa Press (Arquivo). Josu Ternera. Europa Press (Arquivo).
G24.gal 03/06/2026 16:38

O Tribunal de Apelación de París deu este mércores o seu visto e prace para a entrega a España do histórico ex dirixente etarra José Antonio Urrutikoetxea, Josu Ternera, e 75 anos, por unha euroorde emitida en decembro pasado pola Audiencia Nacional de Madrid na que está acusado como dirixente terrorista.

A entrega atrásase á espera da resolución do último caso aberto de Ternera en Francia 

O presidente da sala de instrución do Tribunal de Apelación de París precisou ao comunicar a decisión que a entrega queda diferida en espera de que se resolva o último caso aberto contra Josu Ternera, en Francia, e que vai dar lugar a unha sentenza que se ditará o próximo 2 de xullo.

O xuíz tamén puntualizou que o aprazamento da execución da euroorde incluiría o cumprimento dunha eventual pena que se lle puidese impoñer entón.

Nese último xuízo que o veterano exdirixente de ETA tiña en Francia, e que pode ser obxecto dun recurso posterior ante o Tribunal Supremo que tardaría uns meses, a Fiscalía pedira para el unha pena de cinco anos de cárcere exentos de cumprimento, é dicir que só os tería que cumprir entre reixas en caso de reincidencia.

A euroorde, ditada en decembro, está relacionada co seu presunto papel como xefe da ETA 

En canto á euroorde aceptada agora pola sala de instrución, foi cursada pola Audiencia Nacional o pasado 3 de decembro e ten que ver co seu presunto papel na dirección da ETA desde que fuxiu de España en 2002 ata que foi capturado nos Alpes franceses en maio de 2019.

O presidente da sala de instrución lembrou que por ese cargo podería ser condenado en España a unha pena de 15 anos.

Preguntado por EFE sobre se ía recorrer ao Tribunal Supremo, Laurent Pasquet-Marinacce, avogado principal de Urrutikoetxea, quen tamén acudiu á audiencia, vive no País Vasco francés en liberdade baixo control xudicial, dixo que non faría "ningún comentario".

Francia xa aprobara entregar a Ternera polo atentado da casa cuarte de Zaragoza en 1987

A euroorde aceptada este mércores é moi similar a outra para a que o Tribunal de Apelación de París xa dera o seu visto e prace en 2020, pero por un período de acusación máis breve e, sobre todo, unicamente polo cargo de pertenza a unha organización terrorista, e non como dirixente, o que supoñía unha pena máxima de 12 anos e non de 15.

Na audiencia do pasado 25 de marzo para examinar o fondo, o fiscal da sala de instrución dera por feito que se esta nova euroorden saía adiante, a anterior sería anulada pola xustiza francesa.

Francia tamén aprobou de forma definitiva a entrega a España de Josu Ternera para que sexa xulgado pola súa eventual implicación no atentado contra a casa cuartel da Garda Civil de Zaragoza en 1987 no que foron asasinadas once persoas, e que como as outras está a expensas do fin dos procedementos en Francia contra el.

Rexeitamento da demanda de Ternera

A decisión do Tribunal de Apelación de París deste mércores incluíu tamén o rexeitamento da demanda de Josu Ternera, o encargado de ler o comunicado de disolución de ETA en maio de 2018, que a través dos seus avogados quería que a xustiza francesa solicitase un suplemento de información á Audiencia Nacional.

Con el pretendía que se consultase a España en que condicións estaría se fose entregado e se, eventualmente fose condenado, tendo en conta a súa idade e o seu estado de saúde.

O obxectivo declarado con esa demanda -á que se opuxera a Fiscalía francesa- era que a sala de instrución antes de ditaminar analizase as garantías que podía dar a xustiza española.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade